Carmela López destaca o compromiso da Deputación de Lugo co sector pesqueiro na presentación das grandes citas do verán de Burela

“Falamos de eventos que converten este municipio e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”, avanzou a Presidenta da Deputación.

A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, presentou este mércores no Salón de Plenos do Concello mariñán a XL Feira do Bonito de Burela, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, e a XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart. Dúas citas de referencia que se celebrarán a vindeira fin de semana neste municipio e que poñen en valor a riqueza gastronómica e o produto local da Mariña Lucense.

Carmela López recordou que “falamos de eventos que converten Burela e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”. Avanzou tamén que “son citas que cada ano atraen a milleiros de visitantes polo que son unha importante oportunidade para dinamizar a nosa economía, apoiar o comercio e a hostalería e reforzar a imaxe da Mariña como un destino de referencia durante o verán”. 

Así mesmo, a Presidenta da Deputación puxo en valor o compromiso da institución provincial co sector pesqueiro e o apoio a Produart a través da colaboración coa Fundación Expomar, organizadora da feira. “Ademais da achega económica, a Deputación contará cun expositor propio que funcionará como punto de información turística e no que ofreceremos material divulgativo sobre a eclipse solar total que poderá contemplarse o vindeiro mes de agosto. Unha cita de enorme relevancia que atraerá visitantes á nosa provincia e coa que queremos seguir promocionando Lugo como destino”, explicou.

No acto de presentación tamén participou o Deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Daniel García, a Presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, e o Xerente de Expomar, José Manuel González, entre outras autoridades.

Programa

A XL Feira do Bonito arrancará o sábado, día 1 de agosto, ás 10:30 horas, co IV Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego no Porto de Burela. Ás 11:30 horas terá lugar a V Quedada de Coches Clásicos e ás 13:00 horas as actividades continuarán coa recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación, no escenario principal entregaranse os premios do concurso de carteis e o e o recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Idara López e a José Ramón Martínez. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo de Paula Jorge Horta e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas con diferentes actuacións musicais. 

O domingo, 2 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de filloa de Muimenta con recheo de bonito e ración de marmitako.

Paralelamente á celebración da XL Feira do Bonito que, como é habitual, se levará a cabo no porto burelés, celebrarase tamén a XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produartque comezará xa o venres 31 de xullo. A programación desta cita, impulsada pola Fundación Expomar, inclúe numerosas actividades como pintacaras infantís ou demostracións de encaixe de bolillose de tear, entre outras propostas. No marco este evento tamén se presentará a nova edición do Festival Osa do Mar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios