O Concello impulsará a adhesión de Lugo á Rede de Cidades Amigas da Infancia

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo cos representantes da Plataforma Galega de Escolas Infantís,  David Castro e Pilar Varela Rojo, para coñecer de primeira man distintas propostas orientadas a mellorar a atención educativa na primeira infancia e seguir avanzando nun modelo de cidade centrado nas persoas desde os primeiros anos de vida.

Durante o encontro, ambas partes acordaron impulsar a adhesión de Lugo á Rede de Cidades Amigas da Infancia, unha iniciativa que promove políticas públicas orientadas á protección, participación e benestar dos nenos e nenas.

A reunión serviu tamén para poñer sobre a mesa a importancia de contar coa Facultade de Formación do Profesorado como aliada estratéxica, achegando coñecemento, investigación e innovación educativa ao desenvolvemento das políticas municipais dirixidas á primeira infancia. Neste sentido, valorouse a creación dun marco de colaboración que permita coordinar, reforzar e dar continuidade ás distintas iniciativas e programas que xa se desenvolven na cidade en favor da infancia.

Outro dos compromisos asumidos pola alcaldesa foi incorporar a visión e a experiencia dos profesionais da educación infantil no deseño das futuras zonas de xogo que impulse o Concello, co obxectivo de que estes espazos respondan tamén a criterios pedagóxicos, de desenvolvemento infantil, accesibilidade e inclusión.

Durante a reunión, Elena Candia repasou algunhas das actuacións que o Goberno local está a impulsar no marco do seu proxecto de cidade centrado nas persoas, entre elas o apoio a entidades como Intelecto e Medrando Xuntas, a creación da futura Unidade de Atención Temperá e Postemperá, o desenvolvemento dun Plan Municipal de Saúde Mental e a colaboración coas entidades que traballan con nenos e nenas con necesidades especiais.

A alcaldesa destacou a importancia de manter unha colaboración permanente cos profesionais que traballan diariamente coa infancia e sinalou que «as mellores políticas públicas nacen da escoita e da colaboración con quen coñece de primeira man as necesidades das familias e dos nenos e nenas. Queremos seguir construíndo un Lugo máis amable, inclusivo e pensado para acompañar ás persoas en todas as etapas da vida, empezando pola infancia.»

Comparte éste artículo
No hay comentarios