O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estreitou este xoves os vínculos entre o socialismo galego e a esquerda latinoamericana durante a súa viaxe oficial ao Uruguai. O líder dos socialistas galegos mantivo unha rolda de contactos con destacados representantes do Goberno e das formacións progresistas do país co obxectivo de avanzar nunha axenda política compartida e reforzar a cooperación internacional.
Durante a súa estadía, Besteiro, acompañado polo senador do PSdeG César Mogo, reuniuse co presidente do Frente Amplio, Fernando Pereira; coa vicepresidenta da República, Carolina Cosse; co vicepresidente da Internacional Socialista, Rafael Michelini; e co secretario xeral do Partido Socialista de Uruguai, Pablo Oribe.
Crecemento económico, xustiza social e unidade progresista
Nas distintas xuntanzas abordáronse os principais desafíos políticos, económicos e sociais aos que se enfrontan Europa e América Latina na actualidade. Nenas, os participantes coincidiron na necesidade de coordinar esforzos entre as formacións progresistas para ofrecer respostas globais: «A esquerda debe ser capaz de combinar o crecemento económico coa protección social e o reparto da riqueza», defenderon.
Neste sentido, puxéronse en valor as políticas desenvolvidas polos gobernos de Pedro Sánchez en España e de Yamandú Orsi no Uruguai como referentes de xestión social. Besteiro subliñou que «só desde a unidade das esquerdas europeas e latinoamericanas será posible construír unha alternativa democrática e maioritaria fronte á onda reaccionaria».
Defensa da memoria da emigración e a Lei de Netos
A situación da colectividade galega no exterior e o impacto da coñecida como Lei de Netos ocuparon un lugar destacado nas conversacións. Besteiro fixo unha firme defensa desta lexislación como unha medida necesaria de reparación histórica coa diáspora.
Fronte aos discursos da dereita que piden a súa derrogación, o líder do PSdeG foi contundente: «Dicir que se lle regala o pasaporte á nosa emigración é un ataque e un insulto á súa memoria».
Alerta ante o avance da extrema dereita
Outro dos eixes centrais dos encontros foi a preocupación compartida polo auxe da extrema dereita a nivel global e a súa capacidade para arrastrar á dereita tradicional cara a posicionamentos radicais, un fenómeno que Besteiro exemplificou na asunción por parte do Partido Popular do discurso de Vox.
Fronte a esta deriva, os líderes políticos fixeron un chamamento a articular unha resposta progresista coordinada, fundamentada na calidade democrática, a defensa dos dereitos sociais, a convivencia e a igualdade.
Etiquetas: