Ameijide condena que “o goberno provincial non fora capaz de obter permisos en case 20 anos e queira pasarlle esa responsabilidade ao concesionario” no que vén sendo “unha chapuza administrativa e unha trampa para as empresas totalmente impropia dunha administración seria como debería ser a Deputación Provincial”.
O portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, advirte que “o goberno provincial de PSOE e BNG que preside Carmela López tivo que rectificar os pregos para a concesión do complexo de Augasmestas en Quiroga” por sacala a licitación con “opacidade, sen explicar a situación real das instalacións” e que, polo tanto, constituían “unha trampa para os licitadores”.
Ameijide lamenta que “despois de 20 anos pechado por capricho político de PSOE e BNG nos que colectivos, entidades e o propio Grupo Provincial Popular en numerosas ocasións reclamamos actuacións para a súa posta en valor, a apertura do complexo volve sufrir outra paralización porque o goberno de PSOE e BNG fai as cousas mal”.
Os pregos foron anulados “sen dar explicacións” este luns 20 de xullo, un día antes de rematar o prazo para a presentación de ofertas. E tres días despois seguen sen publicar uns pregos novos, cando o habitual nos casos nos que calquera administración detecta un erro nos pregos de licitación dunha obra ou servizo é publicar de inmediato os novos pregos corrixidos. Ao respecto, o popular advirte que “dende a Deputación non deron explicacións sobre a data de reinicio” polo que “queremos saber cando pensa dar explicacións e abrir o complexo despois de todos estes anos pechado”.
Atendendo aos pregos anulados, o concesionario debería obter, á súa costa, os permisos, licenzas e autorizacións precisas para a posta en funcionamento da instalacións e das actividades derivadas desta concesión incluíndo a realización das obras que fosen precisas; así como asumir as reparacións non só ordinarias, senón tamén extraordinarias que foran precisas. Así mesmo, recollían como causa de resolución da concesión un peche continuado das instalacións por un período superior a 2 meses continuados “sen especificar se sería a partir da obtención dos permisos ou non”.
Antonio Ameijide condena que “o goberno provincial non fora capaz de obter permisos en case 20 anos e queira pasarlle esa responsabilidade ao concesionario”. É dicir, “unha chapuza administrativa e unha trampa para as empresas totalmente impropia dunha administración seria como debería ser a Deputación Provincial”.
O portavoz popular incide en que “non se pode intentar enganar aos cidadáns nin aos licitadores porque despois teñen que rectificar” e as consecuencias son “un verán máis sen este complexo turístico na zona sur da provincia pola desidia, falta de rigor e seriedade por parte goberno provincial e, concretamente, da presidenta Carmela López”.
MALA XESTIÓN E INCUMPRIMENTO COA PROMOCIÓN TURÍSTICA DA ZONA
“A mala xestión repercute no gasto de diñeiro público”, asegura o popular. Así, lembra que “o pasado verán gastaron case 30.000 euros en árbores para o peche perimetral que ao pouco tempo xa estaban secos”.
A anulación dos pregos é, polo tanto, “o enésimo despropósito” en relación a este complexo turístico situado no Xeoparque Montañas do Courel e ás portas da Ribeira Sacra por parte do goberno de PSOE e BNG que debería promover, xestionar e articular a utilización do conxunto das instalacións de Augasmestas que tiña como finalidade poñer en valor as potencialidades da comarca e o desenvolvemento do sector turístico, segundo os documentos asinados polo propio goberno provincial. Polo tanto, “PSOE e BNG recoñecen que non están a impulsar o turismo na comarca”.
INSTALACIÓNS PIONEIRAS
Esta área recreativa, ideada por un goberno do Partido Popular e posta en marcha en 1996, foi un proxecto pioneiro moi adiantado á súa época e que ofrece diversidade de servizos nun espazo natural na confluencia entre os ríos Sor e Sil.
As instalacións dispoñen de:
• Un edificio destinado a vestiarios e cafetería
• Piscinas para adultos e infantil
• Unha zona de acampada con recepción, vestiarios e 4 bungalows
• Varias casas de pedra, na zona exterior do recinto, para aloxamentos de inverno
• Pantalán de acceso ao río para embarcacións.