Os populares recollen as queixas de cidadáns, representantes municipais e asociacións profesionais sobre o que consideran que “dificulta o acceso dos cidadáns aos servizos presenciais”.
Os senadores lucenses do Partido Popular José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano levan á Cámara Alta o recorte do horario de atención ao público nos cuarteis da Garda Civil na provincia.
Os populares advirten que “nos últimos anos se sucederon queixas de cidadáns, representantes municipais e asociacións profesionais da Garda Civil pola redución dos horarios nos que os efectivos prestan servizo ao público no propio acuartelamento”.
“Esta circunstancia dificulta o acceso dos cidadáns aos servizos presenciais do Instituto Armado e agrava a sensación de perda de presenza da Garda Civil no rural”, aseguran.
Así, os representantes do PP lucense no Senado esixen ao Goberno de Sánchez resposta por escrito sobre o horario de atención ao público en cada cuartel da provincia, a evolución dende o 2018 ata a actualidade e as razóns das modificacións coas correspondentes datas.
Os populares lembran que “a Garda Civil desempeña un papel esencial na garantía da seguridade cidadá, especialmente no medio rural, onde a dispersión xeográfica e as características do territorio esixen unha resposta áxil e eficaz”. Pero tamén é necesario ofrecer atención ao público nun horario que permita garantir o servizo con eficacia.
PERDA DE EFECTIVOS NO RURAL DA PROVINCIA
Os senadores do Grupo Popular xa teñen advertido da perda de efectivos na provincia: “a pesar de que o Ministro Marlaska presuma de que se incrementaron nos últimos anos, a realidade na nosa provincia é totalmente distinta”. De feito, o Goberno de Sánchez ten máis do 15% das prazas do catálogo sen cubrir na provincia de Lugo.
“Pero a situación agrávase en municipios rurais coma O Vicedo, O Valadouro, A Fonsagrada, Portomarín, Castroverde ou A Pontenova onde “os postos sofren un importante recorte de persoal que merma a calidade do servizo”, apuntan.