O Alcalde da Laracha recibiu aos dous nenos Saharauis acollidos este verán por familias larachesas a través sogaps

Os menores pasarán os meses de xullo e agosto no municipio no marco do programa Vacacións en paz promovido pola entidade.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello recibiron aos representantes de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) e ás dúas familias larachesas que este verán participan no programa Vacacións en Paz, unha iniciativa que permite que nenos e nenas procedentes dos campamentos de persoas refuxiadas saharauis en Tindouf (Arxelia) pasen os meses de xullo e agosto en Galicia, afastándose das duras condicións climatolóxicas que soportan nesta época do ano con temperaturas que superan os 50 graos.

As familias larachesas que participan no programa son as de Patricia Varela, acolledora de Bachir, e a de Rubén Fandiño, acolledora de Mohamed. Estiveron acompañados no encontro cos representantes municipais por Martín Barca, delegado de Sogaps na Costa da Morte, e Verónica Calvo, vogal da asociación, que este verán acollen a Fatimatu. 

Durante a recepción, o alcalde agradeceu ás familias larachesas a súa implicación e xenerosidade, así como o labor que desenvolve Sogaps desde hai anos para facer posible este programa de cooperación e solidariedade, que ofrece aos menores saharauis unha experiencia enriquecedora tanto desde o punto de vista persoal como sanitario e educativo. López Varela destacou que un dos nenos acollidos, Bachir, estea participando nesta semana no campus de fútbol organizado polo Concello xa que, ademais de desfrutar da actividade, é unha boa oportunidade para socializar con outros rapaces do seu grupo de idade. Desde Sogaps explicouse que entre os principais obxectivos de Vacacións en Paz figuran reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauis a vivir no Sáhara Occidental e dar visibilidade á situación que atravesa este pobo; facilitarlles atención médica e unha alimentación adecuada durante a súa estancia; favorecer o perfeccionamento da lingua castelá e galega que estudan nos seus programas educativos; ofrecerlles unha alternativa de lecer e tempo libre; e, como se apuntou anteriormente, evitar que permanezan nos campamentos durante os meses de máis calor. Ademais, o programa contribúe a fomentar entre a sociedade galega valores como a solidariedade, a tolerancia, a convivencia e a integración.

Na actualidade son once os nenos e nenas saharauis acollidos por familias da Costa da Morte e máis de trescentos en toda Galicia, todos eles a través de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e coa colaboración da Xunta de Galicia.
As persoas interesadas en cooperar con esta ou outras iniciativas de Sogaps, ou mesmo converterse en familia acolledora, poden ampliar información na páxina web www.sogaps.org ou chamando ao teléfono 678 727 382.

Comparte éste artículo
No hay comentarios