Rueda e o PPdeG apostan pola «Galicia do SÍ» para celebrar o día grande da Comunidade

O Partido Popular de Galicia conmemora cun vídeo, como xa é tradición, o Día de Galicia. Neste 2026, os populares reivindican o camiño cara a Galicia do si, facendo un guiño completo ao xeito de facer política na nosa Comunidade, baixo o liderado do presidente Alfonso Rueda. Neste sentido, a ruta de “Galicia SI” imponse a outros “camiños”, como os do “non”, en clara alusión aos outros partidos políticos que non defenden os intereses de Galicia.

Cun toque de humor, e coa esencia posta no camiño que une aos galegos e galegas, os populares poñen en valor a Galicia en positivo, a Galicia SI como unha ruta de presente e de futuro. Neste sentido, os catro presidentes provinciais van aparecendo na peza audiovisual dirixíndose á ruta de “Galicia SI”, que previamente lles recomendou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.

Como principal protagonista da peza audiovisual, o líder do PPdeG, reivindica “o mellor lugar: Galicia”. Faino desde o miradoiro de Bocarribeira, onde se celebrou a conmemoración do Día de Galicia dos populares onte mesmo, para “celebrar o que nos une” e para seguir camiñando “cara adiante, mirando ao futuro por todos os galegos e galegas”.

No vídeo tamén aparecen na provincia da Coruña, Diego Calvo; na de Pontevedra, Luis López; na de Lugo, Elena Candia, e na de Ourense, Luis Menor. Tamén a secretaria xeral Paula Prado, quen destaca ademais a importancia do Camiño de Santiago. Todos eles, seguindo as indicacións do presidente do PPdeG, dispóñense a facer unha ruta que “merece moito a pena” e coa que se transmite a mensaxe do camiño a seguir, o da Galicia SI e o que máis se parece a maioría de galegos e galegas, como o Partido Popular de Galicia.

É no caso do presidente provincial do PP de Ourense, que é o que se encontra con Alfonso Rueda ao final do camiño, preto da casa de Otero Pedrayo, onde se mostra a fortaleza do PPdeG, todos xuntos por un único obxectivo: Galicia.

Dende diferentes puntos de cada provincia, os populares buscan os sinais que deben seguir para ir polo “bo camiño”, como fai Diego Calvo, quen inicia a ruta que lle foi encomendada coa chamada do presidente Alfonso Rueda e que se dispón a facer camiñando polo sendeiro da estabilidade e o sentidiño. Ademais, o vídeo fai un guiño especial á cidade de Lugo, na que Elena Candia acadou a alcaldía fai xa máis de dous meses e na que continúa traballando sen descanso por sacar a cidade da parálise a que estaba sometida.

Neste sentido, transmítese unha imaxe de unión e de traballo en equipo, identidade que diferencia ao PPdeG do resto de partidos. De feito, esta mensaxe en positivo tamén se contrapón á de aqueles que din ‘non’ e que se opoñen a calquera iniciativa por sistema, como amosa o presidente provincial do PP de Pontevedra, quen viste uns calcetíns “a xogo” co fío condutor do vídeo.

En definitiva, a xa tradicional peza audiovisual do PPdeG polo Día de Galicia escenifica a maneira de facer as cousas dos populares: camiñando con paso firme polo presente e futuro da nosa terra, traballando en equipo e co foco posto sempre en beneficio de todos os galegos e galegas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios