Besteiro pide a Rueda que deixe de combater a Lei de Netos e aposte polas novas xeracións de galegos no exterior: “É unha gran oportunidade”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe á Xunta de Galicia a posta en marcha duns plans específicos para fortalecer os vínculos coa terra dos descendentes da emigración que están a acceder á nacionalidade ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos.

Besteiro formulou esta proposta tras reunirse en Bos Aires con colectivos da diáspora, no marco da súa xira por Arxentina e Uruguai con motivo do Día Nacional de Galicia. Durante a xornada, mantivo encontros con representantes do Centro Descendientes Españoles Unidos e do Club Centro Galicia. «Estamos ante unha nova xeración de galegos e galegas que xa sente Galicia como propia pola historia das súas familias e á que agora se lle recoñece, por xustiza, o dereito á nacionalidade», aseverou o líder socialista.

Oportunidade histórica fronte a «galegos de primeira e de segunda»

Besteiro advertiu que este proceso abre «unha oportunidade histórica» para renovar a Galicia exterior e esixiu a Alfonso Rueda que a aproveite e «deixe de combater a Lei de Netos atendendo ás ordes de Feijóo».

«A Xunta non pode crear galegos de primeira e de segunda. Cómpre ofrecer ás novas xeracións ferramentas que manteñan vivo o sentimento de pertenza e que lles permitan participar no presente e no futuro da nosa terra», explicou Besteiro. Para hoxe, o líder dos socialistas galegos avoga por traballar man a man coa rede de centros e asociacións da diáspora a través de programas educativos, lingüísticos e culturais.

Neste sentido, anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para incorporar obrigatoriamente a historia e a cultura da emigración nos currículos escolares. «Os nosos mozos e mozas deben saber que boa parte do país que somos construíuse co esforzo, o sacrificio e a solidariedade da diáspora», sinalou.

Un retorno vinculado ao emprego

Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG urxiu un «cambio profundo» nas políticas de retorno para dotalas de máis recursos e vinculalas ao mercado laboral, aproveitando o bo momento económico. «Non chega con axudar a volver. Hai que facer posible quedar», resumiu Besteiro, defendendo que o acceso a un emprego de calidade debe ser o eixe central da estratexia de retorno.

Por último, criticou que o goberno galego limite a súa relación coa colectividade no exterior a «actos institucionais e discursos en datas sinaladas» e pediu superar as incoherencias: «É incoherente reivindicar a galeguidade da emigración e cuestionar despois o dereito dos seus fillos e netos á nacionalidade. A Lei de Netos fai xustiza con miles de familias que nunca deixaron de sentirse vinculadas a Galicia».

Comparte éste artículo
No hay comentarios