A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, expresou hoxe o seu respecto pola decisión do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de solicitar ao Estado español a revisión e reforzo do expediente da Ribeira Sacra antes de volver sometelo a consideración. Ao mesmo tempo, reafirmou con contundencia a posición do goberno provincial: «A Ribeira Sacra reúne todos os valores para formar parte da Lista do Patrimonio Mundial e traballaremos con determinación para que o sexa oficialmente».
Para López, a resolución da Unesco non altera a esencia da candidatura nin diminúe o valor deste territorio, senón que marca unha nova etapa nun proceso que a Deputación seguirá apoiando con responsabilidade e lealdade institucional.
«Para a Deputación de Lugo non hai ningunha dúbida: a Ribeira Sacra xa é Patrimonio Mundial polos seus propios valores. Falamos duns dos conxuntos culturais e naturais máis extraordinarios de Europa, onde a natureza e o ser humano construíron ao longo de máis de mil anos un legado excepcional», afirmou a presidenta.
Un patrimonio vivo e recoñecido internacionalmente
Carmela López subliñou que a riqueza da zona vai máis alá da espectacularidade dos canóns do Miño e do Sil. «A viticultura heroica, os mosteiros, as igrexas, as aldeas e o patrimonio etnográfico conforman unha paisaxe viva, modelada polo esforzo de xeracións de veciños e veciñas. Ese traballo ten un valor universal que merece o máximo recoñecemento», destacou.
Así mesmo, puxo en valor o apoio expresado por numerosos países durante o debate do Comité, o que ao seu xuízo evidencia o amplo respaldo internacional do proxecto: «Respectamos o procedemento da Unesco, pero tamén teñemos a responsabilidade de defender aquilo no que cremos. E nós cremos na fortaleza desta candidatura».
Unha institución aliada
A presidenta asegurou que a Deputación continuará exercendo un papel activo e colaborativo para que o expediente responda coa máxima calidade ás observacións da Unesco.
«Imos seguir sumando e colaborando con todas as administracións implicadas, como fixemos desde o primeiro momento. Este non é o final do camiño, senón un paso máis nun proxecto que require unidade, perseveranza e traballo conxunto», concluíu.