ABAI condenada de novo a indemnizar con 7.501 euros  a unha traballadora por vulnerar os seus dereitos fundamentais

O Xulgado do Social da Coruña condenou novamente a ABAI, empresa do sector do telemarketing, a indemnizar con 7.501 euros a unha afiliada da CGT por vulnerar os seus dereitos fundamentais e obstaculizar o exercicio do seu dereito á conciliación familiar.

A sentenza é a segunda ditada en apenas unhas semanas que declara que a compañía vulnerou os dereitos fundamentais de traballadoras afiliadas á CGT ao impoñer o traballo presencial na campaña de Endesa sen acreditar a existencia dunha causa real e obxectiva que xustificase esa decisión.

O fallo conclúe que ABAI non logrou demostrar a necesidade de esixir a presencialidade ao 100 %, polo que recoñece o dereito da traballadora a prestar servizos en réxime de teletraballo como medida adecuada para garantir o seu dereito á conciliación.

Así mesmo, a sentenza considera acreditado que a empresa non mostrou unha vontade real de acadar unha solución que permitise compatibilizar a actividade laboral coas responsabilidades familiares da traballadora. Ademais, aprecia que incumpriu o procedemento de negociación previsto no artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores para este tipo de solicitudes.

Desde a CGT consideran que esta nova condena confirma que a imposición do traballo presencial na campaña de Endesa carecía dunha xustificación obxectiva e denuncian que responde a unha política empresarial que ignora os dereitos das persoas traballadoras e dificulta o exercicio da conciliación. O sindicato sostén que esta forma de actuar non é un feito illado e lembra que ABAI xa foi condenada recentemente por feitos similares, o que, ao seu xuízo, evidencia un patrón de actuación contrario aos dereitos fundamentais do seu persoal.

A CGT quixo trasladar públicamente o seu recoñecemento á compañeira que decidiu defender os seus dereitos ante os tribunais e expresar o seu apoio a todas as traballadoras que, día a día, se enfrontan aos abusos da multinacional do telemarketing. Así mesmo, a organización reafirma o seu compromiso de seguir utilizando todas as ferramentas sindicais e xudiciais ao seu dispor para combater calquera vulneración de dereitos fundamentais. O sindicato conclúe que non hai campaña publicitaria capaz de ocultar a falta de escrúpulos da dirección de ABAI.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios