A asociación, impulsora da súa creación, reclama un órgano científico, autónomo e con recursos propios
Mulleres Salgadas presentou alegacións ao proxecto de decreto polo que se regula o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia ao considerar que a proposta da Xunta se afasta do modelo de observatorio aprobado polo Parlamento de Galicia e compromete a súa independencia.
Mulleres Salgadas lembra que foi a entidade impulsora da creación dun Observatorio de Igualdade para o sector pesqueiro galego. A proposta naceu da propia asociación, que promoveu a súa creación mediante reunións coa Consellería do Mar, a Secretaría Xeral da Igualdade e as federacións de confrarías. Ante a falta de avances pola vía institucional, a asociación decidiu trasladar a iniciativa ao Parlamento de Galicia, onde foi aprobada por unanimidade o 9 de marzo de 2022 a través dunha Proposición non de Lei presentada polo PSdeG.
O acordo parlamentario instaba á Xunta de Galicia a crear, coa necesaria dotación orzamentaria, un observatorio integrado por persoal técnico encargado de estudar, analizar e elaborar diagnósticos e medidas correctoras para mellorar a situación das mulleres do mar e das actividades relacionadas coa pesca, prestando especial atención á súa escasa presenza nos postos de dirección e representación.
Porén, Mulleres Salgadas considera que o proxecto de decreto actualmente en tramitación configura un órgano fundamentalmente representativo, con escasa capacidade para producir coñecemento independente, desenvolver investigación propia ou avaliar de maneira rigorosa as políticas públicas desde unha perspectiva de xénero.
Nas alegacións presentadas, Mulleres Salgadas defende que o Observatorio se configure como un órgano independente de carácter científico, integrado maioritariamente por persoas expertas en igualdade e ciencias sociais, con autonomía funcional, dotación orzamentaria propia, capacidade investigadora permanente e obriga de presentar publicamente os seus informes e recomendacións.
A asociación reclama tamén unha dotación orzamentaria propia e suficiente, considerando incompatible coa finalidade do Observatorio que a súa posta en funcionamento non supoña un incremento dos recursos destinados ao seu funcionamento.
Ademais, solicita unha definición máis ambiciosa dos seus obxectivos, incorporando de maneira expresa o estudo da infrarrepresentación das mulleres nos órganos de goberno do sector, a súa exclusión dos espazos de negociación e toma de decisións, as desigualdades no acceso aos postos de responsabilidade e as barreiras que dificultan a súa participación plena na gobernanza marítimo-pesqueira.
Como elemento central das súas propostas, Mulleres Salgadas reclama a creación dun Sistema Galego de Indicadores de Igualdade das Mulleres do Mar e do Medio Rural que permita realizar un seguimento continuado da situación das mulleres no sector. Este sistema debería incluír información sobre representación, participación, emprego, protección social, remuda
xeracional, saúde laboral, corresponsabilidade nos coidados, participación democrática, discriminación, capacidade de influencia na toma de decisións e impacto das políticas públicas de igualdade.
Así mesmo, a asociación considera que o Observatorio non debe limitarse á elaboración de diagnósticos, senón que debe actuar tamén como instrumento permanente de seguimento e avaliación das políticas públicas, programas, proxectos e actuacións financiadas con fondos públicos para promover a igualdade de oportunidades no sector marítimo-pesqueiro.
Mulleres Salgadas considera que a composición proposta compromete a independencia do Observatorio ao concentrar a maior parte da representación e da capacidade de decisión en organismos da Administración e organizacións sectoriais. Pola contra, non se garante unha presenza significativa de persoal investigador independente nin das asociacións de mulleres que promoveron a súa creación, contradicindo o espírito da iniciativa aprobada polo Parlamento de Galicia.
Resulta especialmente contraditorio que organizacións que se opuxeron historicamente á creación deste Observatorio conten cunha representación asegurada no órgano, mentres que as asociacións de mulleres que impulsaron a iniciativa non dispoñen dunha presenza específica garantida. Esta situación limita a pluralidade do Observatorio e dificulta a incorporación das perspectivas e experiencias das propias mulleres ás que pretende representar e estudar.
Para a asociación, este aspecto constitúe unha das principais eivas do decreto. Un observatorio creado para estudar as desigualdades de xénero no sector non debería depender maioritariamente das mesmas estruturas institucionais e corporativas que forman parte da realidade que debe analizar.
Mulleres Salgadas advirte de que a proposta se afasta claramente do mandato aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 2022. Fronte a un observatorio científico, independente e dotado de recursos propios, o decreto configura principalmente un órgano de carácter representativo e consultivo, con escasa capacidade para desenvolver investigación propia e para avaliar de forma rigorosa as políticas públicas.
Para Mulleres Salgadas, o principal risco desta proposta é que o Observatorio deixe de ser un instrumento destinado a estudar as desigualdades para converterse nun espazo condicionado polas mesmas estruturas que deberían ser analizadas. Galicia non necesita unha mesa máis de representación institucional. Necesita un observatorio independente, científico e dotado de recursos suficientes para coñecer a realidade das mulleres do mar, identificar desigualdades, avaliar políticas públicas e contribuír á adopción de medidas eficaces para combatelas.