Os populares preguntarán sobre as vías municipais, a renuncia á brigada municipal contra incendios, as altas temperaturas que se rexistran na Biblioteca Municipal ou o bolardo da rúa Basanta Silva.
O PP de Vilalba esixe ao goberno local “a mellora da seguridade, accesibilidade e funcionalidade da área para autocaravanas” que constitúe un importante servizo para a promoción turística do municipio, pero que presenta deficiencias.
Os concelleiros explican que o sistema de abastecemento de auga non funciona correctamente impedindo o acceso dos usuarios a este servizo básico e indispensable que pode supoñer unha mala valoración tanto da instalación como do destino turístico. Ademais, a localización en Google Maps e noutras plataformas dixitais é imprecisa polo que pode dificultar que os usuarios a atopen.
Os populares esixen a revisión do sistema de abastecemento de auga e a súa reparación á maior brevidade posible para garantir que o servizo estea plenamente operativo para os usuarios. E establecer un protocolo de revisión e mantemento periódico das instalacións para evitar futuras incidencias. Así mesmo, piden a actualización e corrección da localización da área de autocaravanas en plataformas de xeolocalización e información turística.
Os concelleiros do PP tamén esixirán explicacións ao goberno do Concello de Vilalba sobre o estado das vías municipais das parroquias, a renuncia á contratación da brigada municipal contra incendios, as actuacións que previstas para dar solución ás altas temperaturas que se rexistran na Biblioteca Municipal de Vilalba e a regulación do tráfico na rúa Basanta Silva a través do bolardo que durante os fins de semana permanece baixado en horario de mañá.
PLAN NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O PP de Vilalba tamén defenderá unha iniciativa para apoiar a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega para o impulso de novas medidas que adopten o uso do galego a todos os planos da vida pública.
O Goberno galego ten presentado un documento con case 700 medidas froito do traballo de máis 130 profesionais de todos os sectores e das 1400 achegas recibidas por parte de institucións, asociacións, entidades e particulares nos máis de 400 contactos e a través da caixa de correo electrónico.
Á vista de que mantén aberto un escenario de diálogo político e social no marco do Pacto pola lingua sen que exista consenso para impulsar o novo marco regular do galego, tamén instan ás forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia a retomar o diálogo co obxectivo de construír novos consensos sobre a política lingüística de Galicia.