Unha investigadora do CICA lidera unha folla de ruta europea para recuperar os bosques submarinos 

O traballo propón as accións clave para restaurar os bosques de kelp, un dos ecosistemas mariños máis ameazados de Europa.

A investigadora do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña Cristina Piñeiro-Corbeira lidera un artigo internacional que establece as prioridades científicas para conservar e restaurar os bosques de kelp europeos, un dos ecosistemas mariños máis valiosos e, ao mesmo tempo, máis ameazados do planeta. O traballo, publicado en “Annals of Botany”, reúne persoal investigador de máis de vinte institucións europeas e conta tamén coa participación do investigador do CICA Rodolfo Barreiro.

Os bosques de kelp, formados por grandes algas pardas, son auténticos bosques submarinos que albergan unha enorme biodiversidade, contribúen á captura de carbono, protexen o litoral e sustentan numerosas pesqueiras. Porén, o quecemento dos océanos, as ondas de calor mariñas, a contaminación e outras presións humanas están a provocar un rápido deterioro destes ecosistemas en boa parte de Europa.

Neste contexto, o equipo analiza como o novo “Regulamento Europeo de Restauración da Natureza” pode converterse nunha oportunidade para reverter esta tendencia. O artigo propón as principais accións necesarias para facelo posible, entre elas elaborar mapas de alta resolución destes hábitats, unificar os sistemas de seguimento entre os distintos países europeos, identificar as zonas prioritarias para a súa restauración e establecer indicadores comúns que permitan avaliar o seu estado de conservación.

Segundo os autores, estas medidas permitirán transformar a nova normativa europea en actuacións concretas para recuperar uns ecosistemas fundamentais para a biodiversidade, a mitigación do cambio climático e a sustentabilidade das comunidades costeiras. O traballo reforza ademais o papel do CICA e da Universidade da Coruña como referentes internacionais na investigación mariña e no desenvolvemento de solucións científicas para afrontar os grandes retos ambientais do século XXI.

Comparte éste artículo
No hay comentarios