O proxecto Guido Guía volve situarse entre as mellores experiencias turísticas do mundo ao recibir, por quinto ano consecutivo, o premio Travelers’ Choice de TripAdvisor, un recoñecemento que distingue cada ano ao 10 % dos aloxamentos, restaurantes, atraccións e servizos turísticos mellor valorados polos millóns de persoas usuarias da plataforma internacional.
Esta iniciativa lucense do guía turístico Guido Álvarez Parga consolida así unha traxectoria de excelencia baseada nas valoracións das viaxeiras e viaxeiros, acadando unha cualificación media de 5,0 burbullas sobre cinco a partir de 369 opinións publicadas en TripAdvisor. Este quinto galardón consecutivo confirma a Guido Guía como unha das referencias do turismo de experiencias na provincia de Lugo.
Os premios Travelers’ Choice —coñecidos anteriormente como Certificado de Excelencia— recoñecen cada ano aqueles negocios e destinos que destacan polo seu compromiso constante coa calidade, a hospitalidade e a satisfacción das persoas visitantes. Só arredor do 10 % das empresas e recursos turísticos de todo o mundo logran cada ano esta distinción.
Na provincia de Lugo, ademais de Guido Guía, tamén recibiron este ano o recoñecemento El Secreto del Monje (5,0 burbullas e 94 opinións), La Búsqueda Escape Room (4,9 burbullas e 182 opinións) e a Praia das Catedrais (4,6 burbullas e 4.849 opinións), que, do mesmo xeito que Guido Guía, suma o seu quinto premio consecutivo.
A esta relación de distinguidos súmanse tamén catro establecementos de aloxamento da provincia: o Parador de Monforte, cunha valoración de 4,3 burbullas e 1.054 reseñas; o Parador de Ribadeo, con 4,1 burbullas e 1.134 reseñas; o Parador de Vilalba, que alcanza 4,2 burbullas a partir de 704 reseñas; e o Albergue Castro, con 4,2 burbullas e 159 reseñas. A súa presenza nesta selección confirma o bo momento que vive a oferta turística lucense e o elevado grao de satisfacción das persoas visitantes.
TripAdvisor determina as persoas e empresas premiadas mediante un algoritmo propio que avalía a calidade, cantidade e actualidade das opinións publicadas durante un período de doce meses, ademais da evolución da súa popularidade dentro da plataforma.
Para optar ao premio Travelers’ Choice é necesario manter unha valoración media de, cando menos, catro burbullas sobre cinco, reunir un número mínimo de opinións e permanecer activo en TripAdvisor durante un mínimo de doce meses.
Este novo recoñecemento reforza a posición de Guido Guía como un dos proxectos turísticos mellor valorados de Galicia e consolida o prestixio da provincia de Lugo como destino de referencia, cunha oferta de experiencias, patrimonio e aloxamentos que continúa conquistando ás persoas viaxeiras de todo o mundo.