Fernando Ónega, Fillo Adoptivo de Lugo
A Corporación aprobou conceder a Fernando Ónega o título de Fillo Adoptivo de Lugo, unha proposta que saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do PP e do PSOE, mentres que o BNG votou en contra.
A iniciativa foi promovida por unha proposta cidadá avalada por máis de 1.000 sinaturas recollidas por Xulio Méndez e contou tamén co apoio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Asociación da Prensa de Lugo e doutras entidades e colectivos.
O acto institucional de entrega desta distinción celebrarase o vindeiro 7 de agosto, ás 18.00 horas, no Círculo das Artes.
Acordos unánimes para mellorar a seguridade e a mobilidade
O Pleno aprobou por unanimidade solicitar ao Ministerio de Transportes unha limpeza integral da Ponte Branca, a reparación dos desperfectos existentes, a posta en marcha dun plan de mantemento periódico e que se informe ao Concello do calendario previsto para executar estas actuacións.
Tamén por unanimidade acordouse reclamar ao Goberno de España a eliminación dos pasos a nivel existentes no municipio, unha actuación orientada a mellorar a seguridade e a mobilidade.
Regulamento do Comité de Seguridade e Saúde
A sesión serviu tamén para aprobar por unanimidade o Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde, unha norma que permitirá ordenar o funcionamento deste órgano, reforzar a seguridade xurídica e dotar ao Concello dun marco de actuación actualizado.
Novas ordenanzas municipais
Durante o Pleno aprobáronse tamén dúas ordenanzas municipais.
A primeira regula a Zona de Baixas Emisións (ZBE) e establece un período dun ano de adaptación para facilitar que veciñanza e visitantes coñezan o seu funcionamento antes da súa plena aplicación.
A segunda aproba o regulamento de funcionamento do Auditorio Fuxan os Ventos, dotando esta infraestrutura municipal dunha normativa específica para a súa organización e utilización. Esta proposta saíu adiante cos votos favorables do Goberno local, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.
Pagamento de facturas pendentes
O Pleno aprobou tamén afrontar o pago de 542 facturas pendentes, por un importe de 2,7 millóns de euros, relativas a servizos e traballos xa realizados para o Concello, algunhas delas correspondentes ao ano 2023.
O expediente saíu adiante cos votos favorables do Goberno local, mentres que os grupos municipais do PSOE e do BNG votaron en contra. As facturas corresponden a servizos encargados durante os últimos anos por socialistas e nacionalistas, malia que nesta sesión plenaria votaron en contra da súa aprobación.