A Deputación da Coruña apoiará con 250.000 euros o Festival Noroeste Estrella Galicia 2026

Valentín González Formoso e Gonzalo Castro asinaron hoxe o protocolo que senta as bases da colaboración para a 39ª edición, con máis de 40 artistas en sete escenarios da cidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña e vicepresidente do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), Gonzalo Castro, asinaron hoxe na sede da institución provincial o protocolo que senta as bases da colaboración entre ambas as entidades para a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia 2026.

O proxecto conta cun orzamento total de 550.000 euros. A Deputación achegará un máximo de 250.000 euros, o 45,45 % do investimento, mentres que o IMCE asumirá os 300.000 euros restantes. Esta colaboración concretarase posteriormente nun convenio que deberá ser aprobado polo pleno provincial.

Valentín González Formoso destacou que “o Festival Noroeste é unha das grandes citas culturais do verán galego e un evento cunha enorme capacidade para atraer visitantes e proxectar A Coruña e o conxunto da provincia”.

“O apoio da Deputación permitirá reforzar un festival consolidado, gratuíto e aberto a todos os públicos, que combina grandes nomes da escena internacional e estatal cunha importante presenza de artistas galegos”, afirmou o presidente provincial.

Pola súa banda, Gonzalo Castro agradeceu a colaboración da Deputación e desatou que “a cooperación institucional é fundamental para seguir ofrecendo á cidadanía programacións culturais de máxima calidade. Este acordo coa Deputación permítenos fortalecer un festival referente en Galicia e no conxunto do Estado, ampliando a súa capacidade para chegar a públicos diversos e continuar levando a cultura a espazos abertos e accesibles para todas e todos».

O Noroeste, do 5 ao 8 de agosto

A 39ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 5 ao 8 de agosto e ofrecerá máis de 40 actuacións en sete escenarios: a praia de Riazor, a praza de María Pita, a praza de Azcárraga, o Campo da Leña, o parque de Santa Margarida, o Castelo de San Antón e O Portiño.

O cartel inclúe artistas como Bomba Estéreo, Echo & The Bunnymen, Rusowsky, Yerai Cortés, Sprints, Ángel Stanich, Dorian, Fantastic Negrito, Bongeziwe Mabandla, Mari Froes e Frankie and the Witch Fingers.

A representación galega, que supón máis da metade da programación, contará con nomes como Sés, Bala, Xosé Lois Romero & Aliboria, Familia Caamagno e a Orquestra do Quince, Moura, Agoraphobia, Ruxe Ruxe, Catuxa Salom e Zënzar.

Todos os concertos serán gratuítos e combinarán propostas de rock, pop, música electrónica, folk, jazz, rhythm and blues, post-punk, flamenco e músicas africanas. A programación reunirá artistas consolidados e propostas emerxentes, mantendo a aposta do festival pola diversidade de estilos e pola promoción da creación musical galega.

Na edición de 2025, o Festival Noroeste reuniu máis de 115.000 persoas nos seus concertos, unha cifra que confirma a súa capacidade de convocatoria e a súa relevancia dentro da programación cultural e turística do verán coruñés.

Comparte éste artículo
No hay comentarios