Laura Castro Santos, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais(CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), vén de ser distinguida co Premio Nacional Ángeles Alvariño na área de Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais. É unha das dez persoas galardoadas nesta categoría na edición de 2026. O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) recoñece así “a excelencia da súa traxectoria académica no desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes”.
Os premios nacionais de investigación para xente moza recoñecen as contribucións científicas sobresaíntes do persoal investigador cunha carreira aínda en consolidación e están dotados con 30 000 € cada un. En paralelo, o MICIU concedeu outros dez premios nacionais de investigación a científicas e científicos cunha traxectoria consolidada. Con esta distinción, Laura Castro suma un novo fito no seu traballo sobre as enerxías renovables mariñas e o impulso de tecnoloxías orientadas á transición enerxética.
A investigadora recibiu a noticia con sorpresa e ilusión:
“Nunca imaxinei que algún día podería recibir un premio deste nivel. Cando era pequena, desde logo, non pensaba que chegaría ata aquí. Recibir este galardón faime unha enorme ilusión porque o sinto como o resultado de moitos anos de dedicación e do esforzo compartido con moitas persoas”.
Pola súa banda, o equipo directivo do CITENI destacou que este premio “pon de manifesto a calidade da súa traxectoria e constitúe unha gran satisfacción para toda a comunidade do centro”.
Referente en enerxías renovables mariñas
Laura Castro Santos coordina o grupo de investigación Materials and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability (MARES), onde impulsa liñas de traballo vinculadas ás enerxías renovables mariñas e á sustentabilidade no ámbito da enxeñaría. Así mesmo, é profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
A súa actividade investigadora céntrase na análise, a avaliación e a optimización de sistemas enerxéticos no contorno mariño, con especial atención á enerxía eólica mar a fóra (offshore), á enerxía undimotriz, aos sistemas híbridos de xeración e á enerxía solar mariña. O seu traballo contribúe a mellorar a viabilidade técnica, económica e ambiental destas tecnoloxías, que se consideran estratéxicas para avanzar cara a novos modelos enerxéticos sostibles.
Ao longo da súa traxectoria liderou e participou en proxectos nacionais e internacionais relacionados co aproveitamento sostible dos recursos enerxéticos mariños. Entre eles cabe salientar iniciativas europeas que se centran no desenvolvemento da enerxía eólica flotante no Atlántico e na integración das enerxías renovables mariñas coa produción de hidróxeno verde.
Unha traxectoria de excelencia
O galardón chega nun ano especialmente significativo para ela: en abril foi nomeada catedrática de universidade na área das Construcións Navais. Trátase da primeira muller en acadar esta categoría en Galicia e a segunda de España.
Con anterioridade, en 2025, participou no Programa de Emparellamento Científico co Congreso dos Deputados, promovido pola Oficina C e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Así mesmo, foi incluída nas edicións de 2024 e 2025 da World’s Top 2% Scientist List, que elaboran conxuntamente a Universidade de Stanford e Elsevier, e que identifica o 2 % do persoal investigador con maior impacto científico no ámbito internacional.
Un motivo de orgullo para Galicia
A edición 2026 dos premios nacionais de investigación supón un motivo de orgullo para Galicia, con catro persoas ligadas á nosa comunidade entre aquelas distinguidas. Xunto á galega Laura Castro Santos, galardoada co Premio Nacional Ángeles Alvariño, o MICIU recoñeceu o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo Álvarez co Premio Nacional Gregorio Marañón; a catedrática da mesma universidade e directora do Instituto de Materiais (iMATUS) Carmen Álvarez Lorenzo co Premio Nacional Blas Cabrera; e o investigador ourensán José Antonio Sobrino, director da Unidade de Cambio Global da Universidade de Valencia, co Premio Nacional Alejandro Malaspina.