O BNG de Monterroso logra a aprobación da súa proposta para revisar a taxa do lixo

Brais Vázquez denuncia que a veciñanza “segue pagando o dobre polo mesmo servizo” mentres o alcalde incumpre o compromiso adquirido hai un ano de revisar a ordenanza.

O BNG de Monterroso logrou no Pleno celebrado onte a aprobación da súa proposta para revisar a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida do lixo, co obxectivo de analizar unha redución do elevado importe que está a pagar actualmente a veciñanza e introducir criterios que permitan unha aplicación máis xusta da taxa.

A iniciativa saíu adiante malia non contar co apoio do PP, PSOE, PG e IxM, e foi respaldada unicamente polo BNG e os concelleiros non adscritos, como Antonio Gato, que ademáis asinou previamente a proposta.

O portavoz municipal do BNG, Brais Vázquez, lembrou que “hai xa un ano o alcalde se comprometeu a revisar esta ordenanza e ese compromiso non se cumpriu. Mentres tanto, pasa o tempo e os veciños e veciñas continúan pagando practicamente o dobre pola recollida do lixo”.

Desde o BNG consideran especialmente inxustificáble este incremento tendo en conta que non veu acompañado dunha mellora equivalente na prestación. “O servizo segue sendo o mesmo, continúa sen licitarse e a veciñanza paga o dobre. Non é razoáble esixir este esforzo económico sen que exista unha mellora perceptíble na recollida nin na xestión dos residuos”, sinalou Vázquez.

O portavoz nacionalista incidiu tamén na ausencia de medidas que deberían acompañar unha política municipal de residuos moderna e orientada á redución e á reciclaxe. “Non temos campañas efectivas de concienciación, non se implantou o contedor marrón nin se desenvolveron medidas suficientes de recollida selectiva e reciclaxe. Tampouco existen bonificacións na taxa que premien a compostaxe ou as boas prácticas da veciñanza”, explicou.

Neste sentido, a proposta aprobada reclama unha revisión da taxa que permita estudar fórmulas para reducir o seu importe e introducir criterios sociais que teñan especialmente en conta as persoas e familias con maiores dificultades económicas.

“Queremos unha taxa máis xusta. Hai que estudar bonificacións ou reducións para colectivos que precisan dunha maior protección, como as familias monoparentais, as familias numerosas, as persoas con discapacidade ou os fogares con maiores necesidades económicas”, afirmou Brais Vázquez.

O BNG tamén reclama que a revisión teña en conta as diferenzas existentes na prestación do servizo entre o núcleo urbano e o rural. Para Vázquez, “non parece xusto que unha vivenda situada nunha zona rural, onde a frecuencia de recollida pode ser menor e as condicións do servizo diferentes, teña que soportar exactamente a mesma carga sen que se valore a realidade concreta na que se presta o servizo”.

A formación nacionalista defende ademais que a ordenanza incorpore bonificacións vinculadas á compostaxe doméstica e a outras boas prácticas na separación e redución dos residuos, de maneira que a fiscalidade municipal sirva tamén para incentivar comportamentos ambientalmente responsábeis.

“Non podemos limitar a política de residuos a cobrar máis. Se queremos reducir a cantidade de lixo e aumentar a reciclaxe, o Concello ten que poñer os medios, facilitar alternativas e premiar a quen fai as cousas ben”, apuntou Vázquez.

Tras a aprobación da proposta, o BNG esixirá agora ao goberno municipal que o acordo plenario se traduza en feitos e que a revisión da ordenanza non volva quedar nun compromiso incumprido.

“Levamos un ano esperando pola revisión que prometeu o alcalde. Agora hai ademais un acordo do Pleno. Agardamos que desta vez non quede nun caixón e que se traballe canto antes nunha taxa máis xusta, máis social e acorde co servizo que realmente recibe a veciñanza de Monterroso”, concluíu Brais Vázquez..

Comparte éste artículo
No hay comentarios