Carme da Silva Méndez advirte que o acordo bilateral volve castigar á frota galega de cerco e reclama unha defensa firme dos intereses do sector pesqueiro galego.
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia o novo recorte das cotas de bocarte (anchoa) asignadas á frota galega de cerco e reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que renegocie co Goberno portugués un acordo «xusto e equilibrado» que deixe de prexudicar sistematicamente o sector pesqueiro galego.
A resolución publicada no BOE o pasado 29 de xuño confirma «un novo golpe para unha frota que leva anos sufrindo recortes continuados nas principais especies comerciais». Fixa para a campaña comprendida entre o 1 de xullo de 2026 e o 30 de xuño de 2027 unha cota de apenas 1.632 toneladas para a frota do Cantábrico e Noroeste, que deberán repartirse entre 210 embarcacións, das cales 130 pertencen á frota galega de cerco.
Segundo explica a formación nacionalista, esta drástica redución é consecuencia directa do acordo bilateral entre o Estado español e Portugal para o reparto das posibilidades de pesca na zona IXa, un acordo que «ano tras ano agrava o desequilibrio en favor da frota portuguesa e en detrimento da galega».
Da Silva Méndez, neste sentido, lembra que a cota total de bocarte na zona reduciuse 29%, ao pasar de 22.871 a 16.322 toneladas, mentres Portugal continúa concentrando a maior parte das posibilidades de captura. «Resulta inaceptábel que Galiza, que concentra a maior frota de cerco do Estado, sexa sempre a gran prexudicada nas negociacións internacionais impulsadas polo Ministerio» denuncia.
A senadora nacionalista advirte que esta situación non constitúe un feito illado, senón que reproduce o mesmo esquema que xa padecen outras especies fundamentais para o sector. «Xa acontece coa sardiña, coa xarda e agora tamén co bocarte. O Ministerio acepta sistematicamente acordos que deixan á frota galega cunha parte claramente insuficiente das cotas dispoñíbeis» critica.
O BNG recorta que no caso da sardiña Portugal recibe 66,5% da cota, frente a 33,5% asignado ao Estado español, unha distribución que ademais volve prexudicar á frota galega cando se realiza o reparto interno das capturas entre os distintos caladoiros.
A representante nacionalista sinala ademais que esta política de recortes continuados compromete seriamente o futuro do sector. «Se non hai ingresos suficientes, non hai estabilidade laboral nin posibilidades de incorporar xente nova á actividade pesqueira. O Ministerio non pode seguir falando de relevo xeracional mentres acepta acordos que fan cada vez menos atractiva e máis incerta a profesión» advirte.
«O Goberno debe deixar de asumir como inevitábeis acordos que sempre rematan castigando á nosa frota. Galiza merece unha defensa firme dos seus intereses pesqueiros e un reparto das cotas que responda á realidade do noso sector, que é o máis importante do Estado na modalidade de cerco» conclúe Carme da Silva.