O PSOE denuncia  o «colapso» na sanidade de Arteixo: citas médicas con máis de quince días de espera ou «axendas pechadas»

Os socialistas levan ao pleno a denuncia polos recortes do SERGAS e reclaman á Xunta mellores soldos para os MIR e unha Xerencia de Atención Primaria propia.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou unha moción no pleno de xullo para que o Concello solicite á Xunta de Galicia unha viraxe drástica na xestión da Atención Primaria. A formación liderada por Martín Seco denuncia que a veciñanza do municipio padece a diario as consecuencias dos «recortes continuados» do Goberno galego, que se traducen en demoras inasumibles nas citas médicas e centros de saúde ao límite da súa capacidade.

O PSOE acusa ao Executivo autonómico de manter o sistema público sanitario nunha situación de «precarización estrutural», provocando que a cidadanía de Arteixo se atope de xeito recorrente coas axendas de cita previa pechadas ou con esperas de entre 15 días e un mes para poder acudir ao seu médico de cabeceira.

A iniciativa socialista debulla os datos que sitúan a Galicia á cola da asistencia sanitaria no conxunto do Estado:

  • Falta de profesionais: Galicia é a terceira comunidade autonómica con peor ratio de médicos por habitante (450 por cada 100.000) e a terceira peor en enfermaría (5,4 por cada 1.000). A isto súmase que menos do 90% das prazas de pediatría están cubertas por especialistas.
  • Fuga de talentos polo salario MIR: Malia que en 2026 se convocou a maior oferta de prazas formativas da historia, Galicia é a autonomía que peor paga aos médicos residentes (MIR) no seu primeiro ano, o que provoca que os novos titulados fuxan cara a outras rexións con mellores condicións.
  • 180 médicos perdidos: Dende 2009, o Goberno galego renunciou a formar a 180 profesionais de atención primaria cuxa ausencia hoxe satura os centros de saúde e colapsa as urxencias hospitalarias na A Coruña.

«Non é aceptable que un veciño de Arteixo con calquera doenza teña que agardar un mes para que o atenda o seu médico de familia ou que directamente se atope coa porta pechada na aplicación do SERGAS. O traballo dos profesionais é extraordinario, pero están ao límite. A Xunta ten que deixar de poñer parches e afrontar a realidade: sen soldos dignos para os MIR e sen máis recursos para a Primaria, o noso sistema de benestar afúndese», declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

A moción do Grupo Municipal Socialista solicita que o Concello de Arteixo inste formalmente á Xunta de Galicia a crear unha Xerencia de Atención Primaria específica para a área sanitaria da Coruña, dotada de recursos e autonomía de xestión e a equiparar os salarios dos profesionais MIR en Galicia coa media española nun prazo máximo de tres anos para reter o talento sanitario. Tamén solicitan medidas para erradicar a precarización e a eventualidade no SERGAS, promovendo contratos de continuidade máis estables e atractivos, e integrar a saúde mental nos centros de saúde, permitindo consultas directas e rápidas dende os propios equipos de atención primaria así como incorporar novas especialidades e mellorar os medios materiais e humanos dos centros de saúde e dos seus titores de formación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios