Partido de probas na primeira toma de contacto do At. Coruña Montañeros e o Bergantiños na competición oficial máis próxima a un amigable, a fase autonómica da Copa RFEF. Dos 42 convocados só Carlos, o meta suplente dos visitantes, ficou sen sumar os primeiros minutos da temporada. O Bergantiños gañou xustamente porque foi máis veloz e andou máis coordinado. Edeh, Ale Sánchez e Ankudinov, todos estreantes, marcaron polos de Carballo e Chucas, que tamén xogaba os primeiros minutos cos corazonistas, empatou temporalmente o choque ao comezo do segundo tempo.
Iago Novo pon a calidade e Edeh a velocidade
At. Coruña e Bergantiños xogaron un partido lindo de ver para o espectador e no que Jairo Arias e Simón Lamas aproveitaron para probar como estaban os seus equipos de verdes no desenvolvemento dos primeiros conceptos da temporada.
O Bergantiños foi mellor e por iso gañou. Fixo máis cousas ben que os locais e isto unido á súa superior categoría acabou por darlle o pase á seguinte rolda.
Houbo aspectos moi agradables de ver, como ao nixeriano Edeh, un rapaz que no primeiro tempo se ofreceu constantemente polo carril dereito e puido anotar aos once minutos cun xute ao traveseiro desde a frontal. Logo, Diego contabilizou a primeira chegada local ás inmediacións de Alberto. O lateral disparou lixeiramente desviado. No minuto 18, Pachón forzou á defensa atlética, centrou fácil ao segundo pau e Edeh, chegando na perpendicular do mesmo, só tivo que empurrar o 0-1. O traballo do exterior cobraba axiña o premio e se convertía no primeiro goleador da 2026/27 dos equipos galegos de categoría estatal.
Nun partido que carecía de graxa para engaiolar con xogadas rápidas e medidas, tiña como compensación a Iago Novo, a súa visión do fútbol e a execución dos pases. No minuto vinte, ollando o desmarque de Pachón polo carril central, serviulle un pase fácil. O atacante fixo a condución coa defensa correndo lonxe atrás del, encarou a Moreno e o meta adiviñou o lado do disparo porque desviou a pelota cara á liña de fondo.
A segunda ocasión herculina estivo nos pés de Diego á media hora. O defensa probou fortuna desde lonxe, o balón voou embeleñado e Alberto tivo que mudar a toma decisión a última hora, desviando a córner en lugar de chapar unha pelota que tiña vida propia.
Cando a primeira parte enfiaba o remate, Edeh, nunha acción semellante á do gol, quixo estrearse como asistente centrando ao segundo pau, pero Adri Álvarez, tapado, só puido xutar contra o lateral externo da rede.
O Montañeros acariñou o empate no minuto 43, pero a un grande lanzamento de Dani respondeu Alberto cunha estirada do mesmo tamaño, desviando un balón que procuraba a escuadra.
O Bergantiños reacciona axiña ao empate de Chucas
O segundo tempo iniciouse con seis novos nos locais e sete nos visitantes. Até o experimentado Espasandín Cores viuse rebordado e omitiu na acta a substitución de Villaverde por Iago Novo. Repararía nelo se percibira que o xogo perdera nitidez sen o capitán, que deixou o brazal a Gandoy.
O mellor para o partido foi que Chucas empatara. Logo da súa experiencia de medio ano por terras charras, o polivalente defensa aproveitou un balón desviado no lanzamento dunha falta en tres cuartos. Estaba no lugar certo da área grande para colocar un cruzado co interior, a media altura, onde non chegaron a man e o brazo estirado de Alberto.
Edeh parecía que deixara o fútbol base para aprender axiña xestos que vía no partido. Tendo que ter máis coidado na banda ao xogar o Bergantiños con tres centrais na zaga, imitou o disparo de Dani canda o remate do primeiro tempo. Como entón, el tamén viu frustrada a ocasión pola estirada de Moreno.
O Bergantiños procuraba o gol con paciencia fronte un rival ao que lle custaba costurarse nos retornos a posicións defensivas e nas perdas en saída.
O gol chegou pasada a hora de xogo. Ale Sánchez, na frontal da área, rompeu fácil a unha defensa mal aliñada e mandou un xute cruzado e alto que non puido tocar o meta coruñés.
O gol en contra non empequeneceu aos locais, que procuraron o empate tras unha recuperación na área contraria de Antón sobre Insua. O exterior, facendo valer a experiencia, atopou máis atrás a Pablo Fernández, que mandou a pelota por riba do traveseiro aos setenta minutos.
O que perdeu o local en ataque compensouno en defensa cinco minutos despois. Mediu ben o seu retorno defensivo, logo que Edeh quebrase en velocidade á zaga pola dereita, e lanzouse ao chan cando o pase do extremo para Villaverde, evitando o posible tanto do ex da Sarriana.
O Montañeros resignábase a marchar da competición. O seu último disparo entre os paus foi de Ogando, en condución, pero Alberto atallou con seguridade.
As dúbidas sobre quen sería o gañador ficaron resolvidas no minuto 89, cos visitantes saíndo moi verticais nunha contra perfecta. Villaverde carretou polo centro, deixou á esquerda para Ale Sánchez e o ex do Conquense habilitou xenerosamente un pase cara á dereita para que Ankudinov tamén anotase na súa estrea.
O Bergantiños resolvía definitivamente unha eliminatoria que o deixa en cuartos á espera de At. Arteixo ou Silva.
Ficha
SÁBADO 01/08/2026 (12,00) Campo: JUAN ACUÑA NAYA (400)
AT. CORUÑA MONTAÑEROS C.F. : 1 – BERGANTIÑOS F.C. : 3 (0-1)
COR : Moreno (Graña 87’); Diego (Buíde 68’), Samu, Longueira (Áxel D), Luis Castro (Chucas D); Jorge Otero (Óscar Fernández D), Pablo Martínez (Pablo Fernández 79’), Dani (Xoel Vilariño 68’), Mario (Ogando D), Cañi (Antón D); Iago Pérez (Gaye D). Tre. Jairo Arias.
BER : Alberto; Ventureira (Insua D), Nacho Pastor (Aarón D), René Pérez (Tomás D), Dani Jódar; Edeh (Carlos González 85’), Balsa (Gandoy D), Onyia (Javi Blanco 71’), Adri Álvarez (Ale Sánchez D); Iago Novo (Villaverde D), Pachón (Ankudinov D). Tre. Simón Lamas. (Banco: Carlos (g)).
Goles: 0-1 Edeh 18’; 1-1 Chucas 49’; 1-2 Ale Sánchez 62’; 1-3 Ankudinov 89’.
Árbitro: Espasandín Cores (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Barcia Capelán e González Vázquez.
Disciplina: CA: Luis Castro 39’; Gandoy 56’.
Foto: Poucas veces o Montañeros superou ao Bergantiños no primeiro choque da temporada. © 21noticias.com