A exposición de fotoxornalismo “A Galicia inédita” recala por segunda vez na Marina da Coruña

Está organizada conxuntamente pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia e a Asociación de Periodistas de Galicia

O deputado provincial José Ramón Rioboo Castro e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, inauguraron hoxe na avenida herculina de Montoto a segunda edición da exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada conxuntamente pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) e pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG).

No acto de apertura da mostra, que coruñeses e visitantes poderán contemplar nese emprazamento -fronte á Dársena-, ata o próximo 20 de agosto, tamén interviron María Méndez González, presidenta da APG, César Quián Taboada, videpresidente da APFG, e Fernando Blanco Rajo, comisario da exposición.

José Ramón Rioboo destacou que esta segunda edición da mostra chega ás rúas da Coruña despois de que “o éxito de acollida da primeira, en agosto do ano pasado, demostrara que había interese por descubrir esas historias que moitas veces non ocupan as portadas, pero que forman parte da vida diaria do país”.

Rioboo afirmou que “a fotografía non é un elemento secundario dunha noticia, nin un simple acompañamento do texto, senón que forma parte da información”, porque é “a mirada da persoa que está detrás da cámara, que decide onde poñer o foco e que instante conservar para a memoria”. “O valor de A Galicia inédita”, dixo, “é convidarnos a mirar con máis atención unha realidade que temos diante, pero que moitas veces pasa desapercibida”, e serve tamén para reivindicar “o xornalismo e o traballo de quen observa, investiga e documenta a realidade con rigor”.

Pola súa banda, a alcaldesa Inés Rey convidou a todos a desfrutar desta segunda edición da mostra, suliñando que “Galicia é unha terra inesgotable de historias, e o noso fotoxornalismo é imprescindible para amosarnos unha ollada diferente e chea de talento do que aquí acontece, reflectindo as nosas tradicións e a nosa vida cotiá”.

Por iso, sinalou tamén a rexedora herculina, “exposicións como esta Galicia inédita, que perduran no tempo, tamén forman parte do noso patrimonio visual”.

María Méndez recoñeceu “a aposta persoal do presidente da Deputación coruñesa por arroupar esta iniciativa e dar pulo á súa visibilidade nesta inusual e irrepetible galería”, destacando así mesmo que “tampouco podería terse acadado sen a concorrencia do Concello herculino”, a cuxa titular agradeceu “a súa presenza e a cesión deste espazo que desde hoxe acolle a mostra fotográfica máis ambiciosa das realizadas ata o momento en Galicia”.

“Trátase”, lembrou Méndez, “de 92 imaxes, acompañadas doutros tantos textos literarios e xornalísticos elaborados por profesionais da comunicación, que plasman escenas e personaxes que pululan por esa Galicia inédita que poboa o noso imaxinario e que, a través da contemplación destas pezas, poderemos facelos nosos para sempre”.

César Quián tamén agradeceu o esforzo da Deputación e do Concello “para facer que esta exposición poida estar presente un ano máis nas rúas da Coruña (ademais, en plenas Festas de María Pita)”, ao tempo que salientou “o altísimo nivel das obras e dos textos que a compoñen nesta segunda edición”.

Na súa intervención, o vicepresidente da APFG quixo ademais remarcar “o carácter inédito de moitas das imaxes expostas, que son un botón de mostra dun traballo sempre urxente e, en moitas ocasións, pouco visible”.

E o comisario da “Galicia inédita”, Fernando Blanco, dedicou a súa intervención a felicitar aos seus compañeiros fotoxornalistas e á Asociación de Periodistas de Galicia por “permitirnos bater este ano unha marca, cun total de 92 fotografías e outros tantos textos, o que no caso dos reporteiros gráficos supón a participación de case todos os profesionais en activo en Galicia”.

Blanco tamén lembrou que o xérmolo desta exposición deu o pulo definitivo para a constitución da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, “que agora xa conta cunha ampla representación”, engadindo que a mostra supón ademais “unha reivindicación da profesionalidade no sector e un pioneiro e brillante exemplo de esforzo colectivo, aberto á ollada do conxunto da cidadanía”.

Contido e obxectivo da exposición

“A Galicia inédita” reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas cada unha delas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma.

As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ou rural, ata sucesos que marcaron a actualidade dos últimos tempos en Galicia, pasando por obras que reflicten aspectos relacionados cos principais sectores produtivos da comunidade, conflitos laborais, manifestacións artísticas, festivas e culturais, ou natureza e fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos.

O obxectivo da mostra segue plenamente vixente: Poñer en valor o labor que desenvolven a diario os reporteiros gráficos de Galicia e dar a coñecer ao gran público unha representación da obra de cadanseu, que nalgúns casos son imaxes inéditas e, noutros, fotografías xa publicadas en medios de comunicación.

Esta segunda edición de “A Galicia inédita”, que iniciou a súa andaina no Pazo de Fonseca da USC, en Santiago de Compostela, con notable éxito de público, visitará despois da Coruña o resto das principais capitais galegas. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios