Concello de Lugo avanza no PAI Novo Norte con máis vivenda e reforzo do persoal municipal

 A Xunta de Goberno Local abordou este luns diferentes actuacións destinadas a favorecer a creación de vivenda, reforzar a capacidade de xestión municipal e avanzar na colaboración con outras administracións.

Entre os asuntos tratados destaca a concesión dunha licenza para construír un edificio de 93 vivendas na parcela C-11 do SUR-K, situada na confluencia das rúas das Artes e Salvador Velayos. O proxecto inclúe tamén garaxes, rochos e un local de uso terciario, cun orzamento de execución superior aos 8 millóns de euros.

En materia de persoal, aprobouse a cobertura temporal dun posto de auxiliar administrativo no Servizo de Contratación e Patrimonio, vacante desde abril de 2025. A incorporación permitirá reforzar un departamento cunha elevada carga de traballo e axilizar a tramitación de expedientes.

A sesión serviu tamén para aprobar o convenio coa Agadic para desenvolver a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre de 2026, con dez espectáculos no Auditorio Gustavo Freire, e para avanzar na adquisición de 550 licenzas de protección avanzada EDR, ao abeiro do convenio entre a Xunta e a Fegamp para o desenvolvemento dunha administración dixital.

Recuperación da auga rexenerada

O Goberno municipal deu conta dos asuntos abordados no comité de dirección do PAI Novo Norte, entre eles a contratación dunha asistencia técnica para estudar alternativas, redactar o proxecto e preparar a documentación necesaria para implantar un sistema de reutilización de auga rexenerada para usos municipais non potables.

O obxectivo é recuperar unhas instalacións construídas para entrar en funcionamento en 2016, pero que nunca chegaron a utilizarse, e reducir o consumo de auga potable en tarefas como o baldeo, a limpeza de colectores ou o rego. Só no baldeo poderían substituírse arredor de 27 millóns de litros de auga potable ao ano.

Reanudación das obras da rúa Milagrosa

O Concello informou tamén do acordo acadado coa empresa adxudicataria para retomar as obras de humanización da rúa Milagrosa, paralizadas desde decembro de 2025.

Durante a execución detectáronse problemas non previstos na rede de saneamento e unha tubaxe de fibrocemento en desuso que debe ser retirada. A solución técnica prevé actuar sobre os colectores e as acometidas domiciliarias, mellorar a accesibilidade e tramitar un proxecto modificado.

Mentres se completa esa tramitación, acordouse continuar cos traballos que poden executarse de inmediato para reducir as molestias á veciñanza e garantir a seguridade e a salubridade da zona. A empresa mostrou a súa conformidade coa proposta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios