O Antela sorprende ao Gran Peña cunha virada no prolongamento

O Antela presentouse con éxito nas competicións estatais. Cando tiña perdida a eliminatoria da fase galega da Copa RFEF, apareceu Mauro cos seus saques de banda longos e primeiro Carlos e despois Carlos González, mudaron o destino do equipo de Xinzo, que superaba o gol do estreante grampeñista Bouzada ao comezo do segundo tempo.
Os nervios afloraron no último minuto no que houbo algo máis que palabras entre Carlos González e Mbia, que foron expulsados por Estévez Blanco.
O Antela recibirá na Moreira ao Ourense C.F. nos próximos días para vivir o seu primeiro derbi provincial en competición estatal.

O Antela sorprende, pero non marca

Tarde de calor na Moreira, con campo seco e lento, que acabou prexudicando aos locais porque tiveron máis control e non puideron lanzar balóns ás bandas para lograr profundidade. O Antela tivo un comezo desgraciado nunha acción de Xabi Lamas, que sofreu un problema na rótula e debeu deixar o partido para que entrara Mauro, un feito que acabaría sendo determinante na parte final do xogo.
Os locais tiveron na loita incansable de Tumbeiro e na velocidade de Negrete as súas principais armas. Aos oito minutos, o punta local, que retornaba cos de Xinzo logo dun ano no Arnoia, probaba fortuna cun disparo que pasaba por riba do traveseiro.
O Gran Peña tiña pouca saída, pero sabía que unha das súas armas estaba no pé de Graña e os seus lanzamentos de córner e falta. Pasado o cuarto de hora, o especialista en centros mandou á porta un libre directo, pero Bruno Pio chapou o coiro que superara a barreira.
O xogou calmouse, os xogadores tiñan que regular as forzas baixo o calor e só volveu a haber ocasións na parte final do período. Puido adiantarse o Antela no minuto 38 cando Cole habilitou un pase ao espazo para Negrete, que apurou perto do fondo, centrou cara atrás para Iñaki, pero ao mediocentro faltoulle precisión ao cruzar o disparo.

O pé de Graña e as mans de Mauro

O segundo tempo comezou con ocasión errada de Tumbeiro, que non deu superado a Iago Domínguez cun disparo, e co gol do Gran Peña. Graña puxo o balón desde o córner ao corazón da área e Bouzada, impoñéndose a todos no salto, cruzou a pelota á rede antes de que se cumprira a hora de xogo.
Bruno Cid substituíu ao esgotado Tumbeiro e ao minuto o Antela gozou de tres ocasións. A primeira, nun roubo de Carlos, que cedeu a Carlos González, acabado de incorporarse, pero Iago Domínguez atallou o disparo acurtando espazo no man a man. O saque de esquina foi executado por Carlos, que abriu o centro para a cabeza de Negrete, quen rematou mal pola presión dun compañeiro de equipo. Sen embargo, a pelota acabou nos pés de Iñaki, cuxo xute desde a frontal foi chapado por Iago Domínguez.
Martín Blanco ordenou mellor ao seu equipo desde a banda e conseguiu que non houbera máis ocasións até a parte final.
Nese momento, Iñaki empezou a dar máis mobilidade as posesións locais. Unha apertura súa á esquerda permitiu a Tiago Teixeira pisar a área para encarar a Iago Domínguez, pero o ex do Somozas adiviñou o lado do xute e evitou o empate.
Catro minutos despois, no 84, Iago Teixeira cargou o balón á área pequena tras cabecear un córner lanzado por Carlos, pero Iago Domínguez volveu a estar atento para sacar da testa dun rival un remate que subiría o empate.
Quen o anotou foi Carlos no tempo do prolongamento tras un centro desde a dereita. O 9 local puido controlar perto do punto de penalti e xutar cruzado lonxe das luvas de Iago Domínguez.
Parecía que a eliminatoria se resolvería nos lanzamentos de penaltis, pero nin Mauro, nin Carlos González estaban por aumentar a tensión na estrea do equipo nunha competición estatal. Un minuto despois, Mauro converteu en córner un saque de banda fronte ao lateral da área, o prolongamento chegou a Carlos González, que de xeito parecido ao gol anterior completou unha impensable virada que deu o pase a cuartos ao Antela.
Os nervios apareceron coa tensión final e Mbia, tras entrar duro a un rival xunto aos bancos, e Carlos González, por tentar tomar a xustiza pola súa man co visitante, foron expulsados.
O Antela xogará a eliminatoria de cuartos de final contra o Ourense C.F., que pasou a primeira eliminatoria pola retirada do Arenteiro.

Ficha

DOMINGO 02/08/2026 (18,00) Campo: A MOREIRA (386)
ANTELA F.C. : 2 – GRAN PEÑA F.C. : 1 (0-0)
ANT
: Bruno Pio; Pucho, Gastón (Boán 77’), Couto (Tiago Teixeira D), Cole (Gallego D); Carlos, Xabi Lamas (Mauro 3’), Iñaki, Peruzzo, Negrete; Tumbeiro (Carlos González 61’). Tre. Bruno Cid. (Banco: Dani Selas (g); Pedro Castro).
GPÑ : Iago Domínguez; Álex Vila, Hugo Táboas (Peku 79’), Bouzada, Corbi (Pablo 86’); Miguel, Landesa, Graña (Covelo 86’), André (Noé D), Martín (Mbia 75’); Alberto. Tre. Martín Blanco. (Banco: Graumann (g)).
Goles: 0-1 Bouzada 57‘; 1-1 Carlos 87‘; 2-1 Carlos González 88’.
Árbitro: Estévez Blanco (Galiza-Ourense). Auxiliares: Alcázar González e Borrajo Rodríguez.
Disciplina: CA: Mauro 22’; Landesa 40’; Gastón 61’; Covelo 89’ // VD: Carlos González 89’; Mbia 89’.

Foto: O Antela fechou o paso do Gran Peña á seguinte eliminatoria. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios