O PP esixe explicacións ao goberno de Vilalba sobre a ausencia de efectivos da Policía Local durante o día

Os concelleiros do PP lembran que “xa fora desmantelada a quenda de noite” dun servizo municipal que consideran “esencial” 

O PP advirte que “non hai efectivos da Policía Local durante o día” e esixe explicacións ao goberno de PSOE e Vilalba.

Os populares subliñan que se trata dun “servizo municipal esencial”, pero que na actualidade non dispón de tódalas quendas cubertas. “É inconcibible que o Concello non tome medidas para garantir o servizo da Policía Local”.

Os concelleiros do Partido Popular fanse eco das queixas recibidas pola imposibilidade de contactar coa Policía Local: “despois de chamar en numerosas ocasións ao longo dunha hora, ninguén contestou ao teléfono”. Nese sentido, amosan a súa preocupación porque “pode que haxa veciños e veciñas que precisen acudir ao servizo, pero que non se poida prestar”.

Os representantes do PP vilalbés lembran que “xa fora desmantelada a quenda e de noite” e lamentan que, “polas decisións da alcaldesa socialista, Vilalba tarde en cubrir as prazas vacantes de efectivos da Policía Local”. 

Como advertiran no seu momento, “a rexedora socialista decidiu sacar a concurso novas prazas para o servizo de Policía Local con medios propios do Concello e gastando os recursos dos vilalbeses en lugar de recorrer, coma o resto dos Concellos, a Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a coste cero para Vilalba”. 

A Xunta publicaba no DOG a convocatoria do proceso selectivo para cubrir máis dun cento de prazas para os corpos de policía local en 40 concellos galegos, “pero en Vilalba o procedemento ralentízase durante varios anos pola decisión da alcaldesa” de forma que “se tardará moito en chegar a cubrir efectivamente as prazas” facendo que “os vilalbeses non dispoñan dun servizo esencial en materia de seguridade como é a Policía Local”, conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios