Raquel Arias salienta que “as achegas para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural”

A deputada do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias salientou, durante unha visita á piscina municipal de Sober, que “as achegas do Goberno galego para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural, ao contar con orzamentos máis limitados”.

Raquel Arias, que estivo acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que, na actual campaña, a Xunta destinou 1,5 M€ en achegas a 187 concellos de toda Galicia para financiar os gastos derivados da prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e outras instalacións acuáticas de titularidade municipal. Dese total, 40 concellos pertencen á provincia de Lugo.

En concreto, na comarca de Lemos obtiveron axudas para a contratación de socorristas nas piscinas municipais os concellos de Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao, por un importe global de 18.575,87 euros.

A representante popular lembrou que, “se ben estamos a falar dunha competencia das entidades locais, o Goberno galego bríndalles apoio aos concellos para que estean preparados no momento de maior afluencia de público”, non só mediante axudas económicas, senón tamén a través de coordinación operativa, cesión de medios materiais e formación especializada.

“Todo co obxectivo de reforzar a seguridade nos espazos de baño”, destacou Arias. “É fundamental que desde as Administracións se poñan os medios necesarios para que as familias poidan desfrutar con garantías e tranquilidade de praias e piscinas, dispoñendo de socorristas e das ferramentas necesarias para desenvolver o seu labor”.

MÁIS DE 4.600 SOCORRISTAS INSCRITOS

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia leva investidos desde o ano 2015 máis de 27 M€ na cesión de equipamento aos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

No ámbito da formación, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dispón este ano de 455 prazas para cursos específicos de salvamento e socorrismo, fronte ás 350 do ano anterior. En paralelo, as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron a inscrición de máis de 600 persoas, de tal xeito que Galicia conta na actualidade con 4.621 inscricións activas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios