A Deputación da Coruña premia 20 iniciativas na 2ª edición dos Premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social

Un total de 20 propostas da provincia recibirán axudas de ata 6.750 euros tras a avaliación dun xurado presidido pola deputada de Cultura, Natividade González.

A Deputación da Coruña vén de publicar as 20 iniciativas recoñecidas na segunda edición do Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social, dirixida a recoñecer e financiar iniciativas culturais que destacan polo seu impacto comunitario, a innovación e a promoción da inclusión. O xurado – presidido pola deputada, Natividade González e formado por Alberto Pombo, Ángel Arcay Barral e Sandra Romero García coa xefa do servizo de cultura, Manuela Muñiz, como secretaria – seleccionou un total de vinte proxectos que recibirán contías económicas distribuídas en catro tramos segundo a puntuación obtida.

A resolución desta convocatoria premia a calidade técnica, o compromiso social e a diversidade das linguaxes artísticas presentadas, que van desde o audiovisual e a creación transmedia ata as artes escénicas, os videoxogos educativos e a recuperación do patrimonio inmaterial. A contía dos galardóns sitúase entre os 2.250 e os 6.750 euros, co obxectivo de impulsar iniciativas con forte enraizamento no territorio e capacidade de transformación social. En total, a Deputación reparte nestes premios 90.000 euros en axudas.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou o “excelente nivel e a variedade das propostas presentadas” nesta segunda convocatoria, sinalando que “a cultura debe entenderse como un motor fundamental para a cohesión, a igualdade e o benestar colectivo na provincia”. Así mesmo, González subliñou o compromiso da Deputación “con aqueles proxectos que poñen o foco no diálogo intercultural, a memoria histórica, a diversidade funcional e o traballo directo no eido educativo e comunitario”.

Proxectos premiados

Na categoría máis alta, correspondente aos cinco proxectos con mellor valoración e dotada con 6.750 euros para cada un, situáronse a proposta sobre a memoria no barrio da Agra do Orzán da Coruña titulada ‘Memoria migrante en movemento’ de Juan Pablo Rodríguez Santiago; o programa de mediación sobre o fin prematuro da infancia ‘CLIC’ presentado por Culturactiva; o proxecto de memoria mariñeira na Costa da Morte ‘A Rede do Mar’ de AAntena; a iniciativa ‘Rupestre Sonoro’ de Noente Paradise e as residencias artísticas para persoas con discapacidade ‘VIVAS’ da cooperativa Artefeito.

O segundo tramo de premios, con axudas de 5.250 euros por iniciativa, recoñeceu ao proxecto de contos e música para a inclusión ‘Cintas de cores. Contos e música para a inclusión’ de María Irene Quinteiro Blanco; a iniciativa de recuperación do patrimonio inmaterial ‘Arquivos Vivos’ de Carmen Purificación Ripamonti Mondelo; a proposta sobre arquitectura popular ‘A arquitectura sen arquitectos, do Cebreiro a W 57th st’ de Arraianos Producións; a obra escénica sobre accesibilidade e comunidade xorda ‘Somos os monstros’ da compañía Berrobambán; e o traballo documental ‘Mulleres Barbanza Arousa’ de Pablo Chouza López.

No terceiro bloque de galardóns, que outorga 3.750 euros a cada proxecto, resultaron elixidas a iniciativa de divulgación de petróglifos con accesibilidade visual ‘A Pedra que fala’ de Martela Films; o programa educativo ‘Círculos de comunidade na escola’ da cooperativa Azul Mais Verde; o videolibro e guía sobre memoria LGTBI na terceira idade ‘Vidas de vidro’ de Promove Consultoría; a sátira audiovisual e videoxogo sobre turismo ‘O noso pasar: A nosa fantasía’ de Melgo Cinema; e o proxecto de investigación e participación comunitaria ‘Alcumes’ da cooperativa xuvenil A Furna.

Finalmente, a categoría dotada con 2.250 euros por proposta inclúe o programa de creación de videoxogos e innovación en lingua galega ‘O Demo Game Jam’ da cooperativa Proxecto Espiga; a iniciativa de integración do patrimonio inmaterial e creación sonora ‘Soños analóxicos’ de Sinsal Audio; o proxecto transmedia de memoria colectiva ‘Cerimonias’ de Cru Producións; a curta documental sobre maternidade e prematuridade ‘Canguro’ de Brava; e a recuperación audiovisual histórica ‘A vida borrada de Margot Sponer’ desenvolvida por Aqueladas.

Un total de 53 solicitudes concorreron a esta convocatoria, na que o xurado avaliou a solvencia dos equipos, a singularidade das propostas, a calidade técnica e, de xeito prioritario, o seu beneficio e impacto social real sobre a cidadanía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios