A Laracha. O Divercamp desta semana combina idiomas, creatividade e actividades educativas

Participan medio cento de nenos de Educación Infantil e Primaria nesta iniciativa incluída na programación de verán.

Un novo campamento infantil estase a desenvolver nesta semana dentro da programación municipal de verán. Nesta ocasión é o Divercamp, con medio cento de nenos participantes -todos de Educación Infantil e Primaria-que inclúe unha ampla variedade de actividades educativas, creativas e lúdicas.

Ao longo da semana os nenos reforzan a aprendizaxe de idiomas con contacontos en galego, castelán, inglés e francés, realizan sesións de robótica, manualidades, música e movemento, bailes, xogos e obradoiros de instrumentos musicais, expresión corporal e intelixencia emocional, ademais dunha doutras actividades deseñadas para estimular a súa curiosidade, creatividade e participación.

A combinación de propostas permite que os nenos desenvolvan novas habilidades ao tempo que comparten experiencias cos seus compañeiros, favorecendo valores como a convivencia, a cooperación e o respecto nun ambiente dinámico e participativo.

O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira Patricia Bello visitaron hoxe as instalacións do IES Agra de Leborís para reunirse co grupo de rapaces e interesarse polo desenvolvemento do programa.
O Divercamp é unha das actividades que conforman a programación estival organizada polo Concello, que continúa tendo unha excelente acollida entre as familias ao propoñer alternativas adaptadas a diferentes intereses e idades. A ampla oferta de campamentos, reforzada neste verán, logra ofrecer aos máis pequenos espazos de lecer enriquecedores durante as vacacións, ao tempo que favorece a conciliación das súas familias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios