A UDC presidirá ConfIA, unha nova Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia artificial confiable e responsable

O reitor da UDC presidirá durante este primeiro ano o Comité de Coordinación da iniciativa, que incorpora a dez centros de investigación doutras tantas universidades españolas.

A Universidade da Coruña, xunto con outras nove universidades españolas, acaba de constituír a Rede de Centros de Excelencia en Intelixencia Artificial Confiable e Responsable, unha alianza formada por dez centros de investigación especializados en materia artificial de dez universidades españolas. 

A representación da UDC na Rede recaerá no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), un dos centros de referencia a nivel estatal en investigación en materia de intelixencia artificial. Xunto ao CITIC, forman parte desta rede o Centre de Recerca Intelligent Data Science and Artificial Intelligence (IDEAI-UPC), da Universitat Politècnica de Catalunya; o Centro de Investigación DaSCI (Data Science and Computational Intelligence), da Universidade de Granada; o Centro de I+D+i en Intelixencia Artificial (AI.nnovation Space), da Universidade Politécnica de Madrid; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), da Universidade de Santiago de Compostela; o Valencian Research Institute for Artificial Intelligence (VRAIN), da Universitat Politècnica de València; o HiTZ Center – Basque Center for Language Technology, dla Universidade do País Vasco; o Centro de Intelixencia Dixital (CENID), da Universidade de Alacante; o Instituto Andaluz Interuniversitario en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial (DaSCI-UJA), da Universidade de Xaén e o Instituto Universitario de Investigación en Enxeñaría Informática (I3US), da Universidade de Sevilla.

Entre os principais obxectivos de ConfIA atópanse o de promover a investigación, o desenvolvemento e o uso responsable da intelixencia artificial, co obxectivo de crear sistemas robustos, seguros, transparentes, explicables, sostibles e respectuosos coa privacidade; facilitar a colaboración entre os centros e equipos, impulsando iniciativas conxuntas, impulsar a captación de financiamento competitivo; promover a mobilidade e a atracción de talento investigador, así como compartir infraestruturas e recursos, reforzando a transferencia de coñecemento e a colaboración coas empresas, as administración públicas e a sociedade en xeral.

A colaboración entre as universidades desenvolverase mediante proxectos de investigación conxuntos, participación en convocatorias nacionais e internacionais, programas de formación e doutoramento ou mobilidade de persoal, así como a través da organización de congresos e actividades científicas, ou da elaboración de informes en común.

Organización en dous comités

A rede contará cun comité de Coordinación, formado poas reitoras ou reitores das universidades, e un Comité de Dirección Científico Técnico, integrado por unha persoa representante de cada institución académica. A Universidade da Coruña terá un papel destacado neste ano de lanzamento, xa que o reitor, Ricardo Cao, será o primeiro en presidir o Comité de Coordinación, que é o órgano encargado da dirección institucional da alianza. 

Pola súa banda, a catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC Amparo Alonso exercerá a Secretaría do Comité de Dirección Científico-Térnico, responsable da planificación científica, a coordinación cooperativa e o seguimento das actividades da Rede.

A creación de ConfIA constitúe un marco de colaboración estable entre universidades líderes en investigación en intelixencia artificial e permitirá reforzar as capacidades dos seus centros, o impacto da investigación desenvolvida nesta materia e favorecer a unha maior proxección nacional e internacional da investigación española en IA. Ao mesmo tempo, contribuirá ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial confiable e responsable co conxunto da sociedade.

    Comparte éste artículo
    No hay comentarios