A Deputación da Coruña celebrará a eclipse solar total con catro concertos en espazos singulares da provincia

Luar na Lubre en Valdoviño, Milladoiro en Muros, Treixadura no lago das Pontes e Susana Seivane en Fisterra conforman a programación de “Os Concertos da Eclipse”, que coincidirá con este acontecemento histórico.

A Deputación da Coruña organizará o vindeiro 12 de agosto catro concertos gratuítos coincidindo coa eclipse solar total de sol que será visible desde distintos puntos da provincia. Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura e Susana Seivane protagonizarán unha programación especial pensada para acompañar un fenómeno astronómico que Galicia non vivía desde hai máis dun século.

A eclipse producirase durante as últimas horas da tarde e ofrecerá unha oportunidade única para contemplar un espectáculo natural que non se rexistraba na nosa comunidade desde 1912 e que non volverá repetirse ata o ano 2180.

Con motivo desta data histórica, a Deputación levará a música galega a catro espazos emblemáticos da provincia. Luar na Lubre actuará na praia da Frouxeira, en Valdoviño; Milladoiro ofrecerá o seu concerto na alameda de Esteiro, en Muros; Treixadura actuará na contorna do lago das Pontes; e Susana Seivane pechará a programación no paseo da Calafigueira, xunto á lonxa de Fisterra.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “é unha oportunidade histórica para vivir en compañía de familia e amigos un fenómeno que non volverá repetirse en Galicia durante máis de 150 anos. Queremos que a cidadanía poida gozar desta xornada extraordinaria en espazos únicos da nosa provincia e acompañada pola música dalgúns dos artistas e formacións máis representativos da cultura galega”, afirmou.

Os concertos terán lugar a partir das 21.30 h., tras o remate da observación do eclipse e coincidarán co solpor para completar unha xornada tan especial. A proposta pretende converter a provincia nun gran escenario ao aire libre para vivir colectivamente un acontecemento extraordinario, unindo cultura e divulgación ambiental e científica arredor dunha cita que atraerá a milleiros de persoas.

Ao mesmo tempo, a iniciativa contribuirá a impulsar o atractivo turístico dos municipios participantes e a dinamizar a actividade económica local, poñendo en valor algúns dos espazos naturais representativos da costa e do interior da provincia.

A programación, que comezou antes do verán con xornadas informativas e reparto de gafas homolgadas e recomendacións para ver o eclipse con seguridade nos centros escolares da provincia, incluirá tamén este 12 de agosto accións divulgativas sobre a eclipse e recomendacións para observar o fenómeno con seguridade, así como información sobre a importancia de preservar a calidade do ceo nocturno.

Con esta iniciativa, a Deputación ofrece á cidadanía unha oportunidade única para vivir un acontecemento histórico acompañado dalgunhas das voces e sons máis representativos da música tradicional galega, convertendo a eclipse nunha experiencia cultural compartida.

Pode consultarse máis información sobre a eclipse solar total aqui:

https://www.dacoruna.gal/eclipse

Comparte éste artículo
No hay comentarios