O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, participou na inauguración do evento en Oleiros, onde a institución colabora con sete postos artesáns, animación tradicional e 15 showcookings a cargo do chef André Arzúa.
Oleiros acolleu hoxe a presentación e apertura dunha nova edición de Alfaroleiros, a gran cita da olería que reune no parque Luís Seoane de hoxe ao domingo a 23 artesáns procedentes de diversos puntos de España e Portugal. O acto deu o pistoletazo de saída a un evento referente na península e no que a Deputación volve ter unha presenza destacada para impulsar a artesanía galega, a cultura tradicional e os produtos gastronómicos do territorio.
Durante o acto de inauguración, o vicepresidente destacou o valor simbólico e cultural de Alfaroleiros como un espazo onde «o oficio se converte en memoria viva» e puxo en valor a capacidade da artesanía para transmitir coñecemento, identidade e resiliencia. Regueira sinalou que, nun contexto marcado por sucesivas crises internacionais e humanitarias, «o barro ensínanos que as dificultades non se resolven coa forza, senón coa paciencia, o diálogo e o traballo constante», reivindicando o oficio oleiro como unha metáfora da necesidade de construír respostas colectivas con respecto e sensibilidade. O vicepresidente concluíu desexando que esta edición de Alfaroleiros sexa «a mellor da súa historia» e que continúe consolidándose como un referente da artesanía e da cultura galega.
No marco desta colaboración, a institución provincial participa co “Mercado da Deputación”, onde se atopan sete postos artesáns como son Jorge Eiroa, Moira Artesanía, D´rositas, Redeiras Artesas, Jerolas, Vacatola e Comeluz. A maiores da vertente artesanal, a entidade provincial achega ao programa cultural a actuación musical das pandereteiras Do Rivés, que porán a banda sonora á xornada de peche prevista para o domingo ás 13.00 horas.
A gastronomía ten un protagonismo moi especial nesta edición a través de 15 demostracións de showcooking impartidas polo cociñeiro André Arzúa, de Espazo Abella, quen ofrecerá tres sesións diarias baseadas en receitas con produto local. Durante os días do evento, o público asistente poderá presenciar a elaboración en directo de propostas como o risoto de shiitake de Paderne, o tiramisú de licor café, o taco de brisket de tenreira galega, a mousse de lima e iogur grego e moitas outras elaboracións.