O proxecto permitiría ao estudantado cursar os catro anos de formación en China e obter, ao rematar os estudos, as titulacións recoñecidas polo sistema educativo chinés e polo español.
A Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Tecnoloxía de Anhui (AHUT) avanzan no deseño dun proxecto de cooperación educativa sino-estranxeira que contempla a posta en marcha dun programa de dobre titulación. Este proxecto, pendente de aprobación polo Ministerio de Educación Chinés e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permitiría ao estudantado cursar os catro anos do grao integramente no campus da Universidade de Tecnoloxía de Anhui, en China, e obter a titulación tanto da universidade de Anhui como da Universidade da Coruña.
A proposta diríxese inicialmente aos ámbitos da Enxeñaría Mecánica, a Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e a Ciencia e Enxeñaría de Datos. O plan de estudos combinaría os requisitos académicos establecidos polo sistema educativo chinés coa totalidade das materias troncais e os estándares académicos da UDC.
Esta iniciativa, aliñada coa estratexia de internacionalización da UDC, permitiría desenvolver integramente o programa formativo no campus da universidade chinesa, sen que o estudantado precise desprazarse ao estranxeiro durante os seus estudos. A iniciativa busca facilitar o acceso a unha formación universitaria de carácter internacional e á dobre titulación, reducindo as barreiras económicas, lingüísticas e de adaptación asociadas á mobilidade internacional de longa duración.
Un proxecto de cooperación con proxección internacional
A colaboración entre a UDC e a AHUT podería abrir novas vías de cooperación académica e científica, contemplando a posibilidade de avanzar no desenvolvemento de programas conxuntos de máster ou a codirección de teses de doutoramento, así como a creación de laboratorios e plataformas de investigación compartidas.
A Universidade de Tecnoloxía de Anhui
Fundada en 1958, a Universidade de Tecnoloxía de Anhui é unha universidade que conta con formación nas áreas da enxeñaría, as ciencias, as humanidades, a economía, a xestión, a arte e o dereito, cun importante nivel de especialización nos ámbitos da enxeñaría. Situada na cidade de Ma’anshan, na provincia chinesa de Anhui, conta con 17 facultades, 60 programas de grao, 19 programas de máster e cinco de doutoramento, ademais de dous centros de investigación posdoutoral.