Acusan ao Alcalde do PP e a conselleira de buscar a foto da inauguración sen que as obras estivesen rematadas.
O BNG de Baralla vén de denunciar múltiples deficiencias nas obras de remodelación da estrada LU-710, de Baralla a Neira de Rei, que inauguraron hai agora dúas semanas o alcalde e a Conselleira de Infraestruturas. Os nacionalistas, nunha visita ao paseo e ás obras da estrada puideron comprobar que máis de 2 semanas despois da inauguración da remodelación son numerosos os postes de suxeición que non contan cos amarres ás biondas, numerosos os tramos de biondas que permanecen sen uniren e moi numerosos os parafusos sen colocaren e sen que se apertaran para conseguir a seguridade dos quitamedos. Calquera persoa que circule polo paseo adxacente pode comprobar a simple vista os múltiples parafusos e porcas tirados polo chan e as pranchas das biondas sen amarrar ao poste.
Esta situación da que algún usuario xa colgara algún vídeo segue quince días despois sen solución co conseguinte perigo.
As deficiencias non acaban aí. O BNG denuncia tamén que a maior parte dos tramos da estrada non contan con malla anticaída de pedra, o que vai provocar, -e xa se pode comprobar a día de hoxe-, desprendementos continuos dada a tipoloxía do terreo que atravesa. Ademais, son varios os postes de teléfono ou de tendido eléctrico que permanecen tumbados ou mesmo os seus restos suspendidos no aire sobre a estrada, sen que se saiba se a responsabilidade é da Xunta por non prevelo ou da empresa eléctrica e da de telefonía por non facer o seu traballo.
OS NACIONALISTAS RECLAMAN ACTUACIÓNS PARA EVITAR OS PROBLEMAS COAS AUGAS PLUVIAIS E ESCORRENTÍAS
Os nacionalistas sitúan outra das deficiencias máis graves no deseño e construción das canalización das augas pluviais e de regatos na marxe dereita (dirección Baralla- Neira de Rei), que non van dar absorbido a auga de escorrentías que se xera nesa zona, na que se xa se producían apozamentos antes das obras, e que a alternativa proxectada non vai solucionar cando chegue o inverno. Os veciños da zona e usuarios da estrada saben ben o nivel de caudal de auga de escorrentías que se produce na zona e que ao parecer a Xunta non tivo en conta e o alcalde non advertiu sobre esa circunstancia. E a día de hoxe, que leva semanas sen chover, pódese observar algún tramo de gavia colapsado pola auga e a pouca folla que xa caeu, e como consecuencia a auga xa atravesa a estrada.
A situación é tan sorprendente que en todo o tramo só se construíu unha canalización de baixante de augas desde a ladeira superior, e por riba cun sumidoiro tan pequeno que non vai ser capaz de tragar o caudal que se vai producir no inverno.
Cómpre lembrar ademais, que o BNG xa reclamou no seu día que se incluíse no proxecto o amaño e rehabilitación da ponte de Neira de Rei, pero nin o alcalde nin a Xunta aceptaron esa proposta. Agora demóstrase esa necesidade, polo colo de botella que se produce nese punto.
O PASEO TAMÉN CON DEFICIENCIAS
O BNG denuncia así mesmo, que como ocorre coa estrada, o paseo construído na marxe esquerda, a carón do Neira, tamén sufriu a nula incompetencia da alcaldía á hora de pensar, proxectar e dirixir a obra e por suposto ningunha vixilancia das obras. Dáse a circunstancia que a colocación dos postes das biondas se fixo a posteriori do firme do propio paseo, e como consecuencia ao realizar os buratos e colocalos, deterioran tanto o propio firme do paseo como nalgún caso o aglomerado da estrada, sen que se repuxese en ningún dos dous casos. O que vai provocar que os orificios sen tapar se enchan de auga e coa chegada das xeadas do inverno, os dous pavimentos empecen a ter gretas e finalmente acaben en fochancas.
Pero a cousa non acaba aí. No paseo ciclista e peonil, a cimentación dos postes da varanda consiste en simples macizos illados de formigón. A excesiva proximidade destes macizos ao bordo do talude, circunstancia que pode verse agravada pola erosión do recheo contiguo, favorece o descalce parcial da cimentación ao perder parte do apoio lateral do terreo. O resultado é unha varanda claramente inestable, incapaz de garantir a protección dos usuarios, tal e como demostra o feito de que, en numerosos tramos, os postes abanean con só exercer unha leve presión coa man. Esta deficiente execución compromete de forma evidente a seguridade dos peóns e ciclistas que utilizan diariamente a senda.
Ademais, resulta difícil de entender que unha infraestrutura destinada a fomentar unha mobilidade peonil e ciclista segura discorra entre unha varanda que perde estabilidade por unha deficiente cimentación e o dorso dunha barreira metálica deseñada exclusivamente para protexer aos vehículos da estrada LU-710. Así, mentres a seguridade do tráfico rodado foi tida en conta, peóns e ciclistas quedan confinados entre unha protección que non cumpre a súa función e a cara non funcional dunha bionda, unha solución que transmite a impresión de que a súa seguridade foi unha consideración claramente secundaria no deseño da obra.
Cómpre lembrar que a cara posterior da barreira deixa expostos os seus postes e os bordos metálicos, elementos que poden agravar de forma moi significativa as consecuencias dunha caída. Un ciclista que perda o control da bicicleta ou un peón que sufra unha caída accidental pode impactar directamente contra estes elementos ríxidos e cortantes, incrementando de forma considerable o risco de lesións graves ou mesmo mortais. Nunha senda peonil e ciclista, onde a seguridade dos usuarios debería constituír unha prioridade irrenunciable, unha solución destas características resulta absolutamente inaceptable.
E aínda queda o mellor. O BNG non entende como un paseo para peóns e ciclistas, ao chegar á ponte de Neira de Rei, remata xusto na bionda de protección da estrada e da ponte. É dicir, nin peóns nin ciclistas poden acceder ao paseo dende a ponte de Neira de Rei, dado que o acceso ficou inexistente. De feito, na visita realizada por membros do BNG, eran varios os ciclistas que circulaban pola estrada, dado que vindo desde Neira de Rei, aínda que queiran, non poden acceder ao paseo.
MÁIS DEFICIENCIAS NO RESTO DA SENDA
Outro aspecto especialmente preocupante é o tramo da senda comprendido entre a Ponte de San Miguel e a igrexa parroquial de San Miguel. Neste tramo, a actuación consistiu na execución dun carril de circulación para vehículos de dobre sentido cun ancho aproximado de 3 metros e, contigua a este, a senda peonil e ciclista de 2 metros de ancho, sen ningún elemento de separación ou protección eficaz entre ambos. Na práctica, o reducido ancho do carril destinado ao tráfico rodado provoca que os vehículos invadan de forma habitual o espazo reservado para a senda, especialmente nas curvas e nos tramos con visibilidade reducida. Esta invasión sistemática impide que peóns e ciclistas poidan utilizar a senda nas condicións de seguridade esixibles, obrigándoos con frecuencia a deter a marcha, apartarse ou asumir situacións de evidente risco. O resultado é unha infraestrutura que non só incumpre o obxectivo de ofrecer unha mobilidade peonil e ciclista segura, senón que incrementa de forma evidente o risco de accidentes e atropelos ao obrigar a convivir, nun mesmo espazo, vehículos e usuarios vulnerables. Que unha actuación presentada como unha senda peonil e ciclista acabe converténdose nun punto permanente de conflito entre o tráfico rodado e peóns e ciclistas evidencia deficiencias de deseño impropias dunha obra pública destas características.
DESIDIA DA ALCALDÍA
O BNG denuncia máis unha vez a desidia do alcalde que se apuntou a facer a foto coa Conselleira, pero que está claro que non lle dedicou nin 5 minutos a revisar as obras. Tampouco se molestou en esixirlle á Xunta, cuxo goberno se autodeclara “comprometido coa mellora da rede viaria”, que solucionase todas esas deficiencias antes de aparentar para inaugurar as obras. E fai fincapé na incompetencia da alcaldía, sobre todo naqueles aspectos nos que ten a dirección e supervisión das obras.