O Concello da Laracha licita o equipamento do novo edificio interxeracional cun investimento de máis de 173.000 euros

O contrato, dividido en catro lotes, permitirá dotar a instalación co mobiliario e equipamento necesario para convertela nun espazo moderno, multifuncional e adaptado ás necesidades de persoas de todas as idades.

O Concello vén de sacar a licitación, mediante procedemento aberto, o contrato para o subministro do equipamento do novo Edificio Interxeracional da Laracha. O orzamento máximo ascende a 173.735,33 euros e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 20 de agosto. Toda a documentación pode consultarse na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A licitación do equipamento completa o proxecto impulsado polo Concello para transformar o antigo Edificio de Servizos Múltiples nesta nova infraestrutura municipal situada na Avenida López Astray, en pleno centro da Laracha. Esa actuación permitiu renovar integralmente o inmoble cun investimento de 1,1 millóns de euros, converténdoo nunhas instalacións modernas e preparadas para acoller unha ampla programación de actividades. Agora, co subministro do mobiliario e dos diferentes equipamentos, completarase este espazo moderno, multifuncional, inclusivo e atractivo creado coa vocación de converterlo en punto de referencia da actividade social, cultural e de ocio para persoas de todas as idades. De feito, o proxecto foi concibido para favorecer a convivencia entre xeracións, promovendo a interacción entre nenos, mozos, adultos e persoas maiores, fortalecendo así os vínculos sociais, o apoio mutuo e o sentimento de comunidade, e de aí que fose bautizado como Edificio Interxeracional.

Co propósito de responder ás necesidades dos diferentes perfís de usuarios que acollerá a instalación, o Concello aposta por unha dotación de mobiliario e equipamento ampla e diversa que permitirá ofrecer servizos e actividades adaptadas aos diferentes usos previstos.

A contratación divídese en catro lotes. O primeiro comprende o subministro do mobiliario e do equipamento xeral do edificio; o segundo está destinado ao equipamento informático; o terceiro inclúe o equipamento da aula dixital, e o cuarto contempla a dotación do estudo de gravación, un espazo pensado para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa creación de contidos audiovisuais e dixitais.

Tanto esta contratación como a propia obra de transformación do antigo Edificio de Servizos Múltiples no novo Edificio Interxeracional están financiadas con fondos procedentes do Instrumento Europeo de Recuperación (Next Generation EU) e con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

Comparte éste artículo
No hay comentarios