Ante os últimos acontecementos e os posicionamentos adoptados polos distintos grupos políticos da corporación municipal, a comunidade ecosocial e cultural Boca de Sapo quérelle trasladar á opinión pública e aos representantes políticos as seguintes consideracións:
Como entidade do tecido asociativo que no ano 2019 decidiu reactivar a loita pola apertura do Centro de Día —un servizo público fundamental para o municipio— e que desde entón ten liderado numerosas accións de visibilización, concienciación e activismo (recolleita de máis de mil sinaturas, reunións institucionais, performances e manifestos), vémonos na obriga de romper o silencio para esixir solucións definitivas.
Desde Boca de Sapo manifestamos:
- Un dereito irrenunciábel: O Centro de Día é un dereito fundamental da cidadanía. Nun contexto demográfico cunha poboación claramente envellecida, as administracións públicas teñen o deber moral e legal de garantir este tipo de servizos esenciais.
- Fora do xogo partidista: A atención aos nosos maiores debe quedar á marxe das estratexias e tacticismos políticos. A corporación municipal, no seu conxunto, debe asumir a responsabilidade que ten como representante do pobo e cumprir cos compromisos adquiridos nos seus programas electorais.
- Fiscalización si, bloqueo non: Entendemos a crítica construtiva e o labor de control da oposición como piares da democracia. Sen embargo, como colectivo social, resúltanos incomprensible o voto en contra dos grupos da oposición no último pleno. Cústanos entender que a apertura do Centro de Día non sexa a prioridade absoluta para todas as forzas políticas e que os intereses de partido non se aparquen polo ben común.
«Cando a política se bloquea, quen perde sempre é o pobo.»
Chamamento ao pleno deste venres
Desde a comunidade Boca de Sapo apelamos ao sentido do deber público e ao sentido común. Pedimos que no pleno deste venres se debatan, critiquen e corrixan as diferenzas, eivas ou erros procesuais que puideran existir, pero que se tome de forma definitiva o camiño correcto para ver, por fin, as portas do Centro de Día abertas de par en par.
A apertura desta instalación sería unha verdadeira conquista social colectiva da que toda a veciñanza de Corcubión podería presumir.
Reiteramos hoxe máis ca nunca o noso lema orixinal:
Solucionen o problema. Centro de Día, XA!