FEMUPO pon en marcha un proxecto itinerante para visibilizar o talento feminino galego no Camiño de Santiago

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) impulsa o proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha proposta cultural, educativa e social orientada a achegar á cidadanía o talento, o liderado e o compromiso das mulleres galegas.

A iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, percorrerá dez municipios pontevedreses vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa. O seu obxectivo é divulgar as traxectorias das profesionais e entidades galardoadas nas cinco edicións dos Premios Mulleres FEMUPO (2022-2026), pertencentes a sectores como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo.

«Cada paso que damos xuntas constrúe un camiño máis igualitario», salienta Raquel Touriño, presidenta de FEMUPO.

Unha semana de actividade en cada municipio

O programa despregarase en cada concello durante unha semana e combinará tres eixes fundamentais:

  • Exposición itinerante: Un percorrido visual polas historias das premiadas.
  • Obradoiros participativos: Celebraranse un total de 20 talleres (dous por concello) deseñados con metodoloxías accesibles e dinámicas.
  • Contidos audiovisuais: Acceso a través de códigos QR para afondar nas traxectorias das protagonistas.

As actividades estarán abertas ao público xeral, cun foco especial na mocidade, persoas maiores e colectivos en situación de vulnerabilidade. Para iso, FEMUPO traballará en liña directa con centros educativos, entidades sociais e asociacións locais.

Conectar ás referentas co territorio

Máis alá de difundir os perfís das galardoadas —algunhas das cales participarán persoalmente nas sesións—, un dos puntos fortes dos talleres será a identificación de referentas locais en cada municipio. Deste xeito, procúrase que a veñanza recoñeza o talento feminino da súa contorna máis próxima e debata sobre a igualdade de oportunidades, a superación de estereotipos e a participación da muller no desenvolvemento do territorio.

Co lema de «facer camiño» como metáfora do esforzo e da apertura de novas posibilidades para as vindeiras xeracións, FEMUPO transforma o recoñecemento institucional nunha experiencia viva, aberta e conectada cos valores xacobeos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios