Maite Ferreiro: «Comezou agosto e a brigada municipal de loita contra incendios aínda non está a traballar»

A edil do BNG Maite Ferreiro afirmou que o goberno «demostra unha vez máis a súa mala planificación» na loita contra os incendios forestais. Ferreiro afirmou que «estamos xa en agosto e a brigada municipal de loita contra os incendios aínda non comezou a traballar», e engadiu «se seguimos así, esta brigada comezará a facer o seu traballo unha vez se incie a tempada de choiva».

Ferreiro lembrou que o BNG xa fixo preguntas nas comisións municipais a respecto da planificación de traballos desta brigada municipal. «Desde o comezo do verán recibimos numerosas peticións da veciñanza amosando unha grande preocupación pola mala planificación por parte do PP dos traballos desta brigada municipal de defensa contra incendios forestais», dixo Ferreiro.

O Concello de Lugo recibe neste ano 2026 un total de 101.250€ da Xunta de Galiza para a contratación do persoal dunha brigada de defensa contra os incendios forestais, que se dedican cada verán ao acondicionamento de diferentes terreos nas 54 parroquias de Lugo. De cara ao 2026, o goberno do PP apoiado pola concelleira tránsfuga non fixo público o plan de traballos nin as datas nas que esta brigada estará traballando nin completou aínda o proceso selectivo do persoal que traballará nesta brigada, que terá que pasar as probas de selección o vindeiro día 10 de agosto.

Ferreiro afirmou que «os primeiros meses do PP no goberno están a empeorar o Concello, a principal liña política de Candia é improvisar o que fai que a veciñanza perda servizos moi importantes», e destacou que «a loita contra os incendios forestais é unha cuestión que require de planificación e boa execución».

Comparte éste artículo
No hay comentarios