En relación co comunicado emitido polo Partido Popular de Corcubión, o BNG considera necesario realizar algunhas aclaracións para que a veciñanza dispoña de toda a información sobre un proxecto tan importante como é a apertura do Centro de Día.
O verdadeiro debate nunca foi un procedemento administrativo. O que estaba en xogo era aproveitar ou non unha oportunidade histórica para seguir avanzando na apertura dun servizo que Corcubión leva máis de vinte anos reclamando.
Resulta sorprendente que o PP pretenda xustificar agora o seu voto afirmando que os fondos do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación eran insuficientes. Iso nunca foi ocultado polo Goberno municipal. Precisamente porque a Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, non exerceu as súas competencias nin colaborou economicamente na posta en marcha deste servizo, o Concello viuse na obriga de buscar unha alternativa.
Cómpre lembrar que a competencia sobre os centros de día corresponde á Xunta de Galicia. Así o establece o artigo 27.23 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que lle atribúe a competencia exclusiva en materia de asistencia social, desenvolvida posteriormente pola Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia. Desde o primeiro momento, o BNG defendeu que fose a Xunta quen asumise a apertura e xestión do Centro de Día de Corcubión. Ao non facelo, o Concello tivo que buscar outras vías para facer realidade un proxecto que nunca debería depender exclusivamente dos recursos municipais.
Nese contexto, a achega de 100.001 euros do Plan de Obras e Servizos da Deputación nunca foi presentada como a solución definitiva, senón como o primeiro paso dun modelo de financiamento máis amplo, no que o Concello leva meses traballando con outras entidades colaboradoras. A aprobación do POS era imprescindible para continuar ese proceso.
Resulta contraditorio que o PP de Corcubión cuestione agora esa alternativa, cando o seu propio partido leva anos sen ofrecer ningunha solución desde a administración que ten a responsabilidade legal sobre este servizo. A Xunta non asumiu a apertura e xestión do Centro de Día, non aceptou a cesión do edificio municipal, non colaborou economicamente para facelo posible e, malia as reiteradas peticións realizadas polo Concello, nin sequera recibiu ao alcalde e á concelleira de Servizos Sociais.
Ante esa falta de resposta, o BNG decidiu non resignarse e construír unha alternativa para abrir o Centro de Día, buscando a colaboración da Deputación e doutras entidades para facer viable un proxecto que a Xunta decidiu non asumir.
O Pleno extraordinario convocado para os vindeiros días ofrece agora unha nova oportunidade para seguir avanzando. Agardamos que o Partido Popular deixe atrás as escusas e demostre con feitos o seu compromiso co Centro de Día.
Pero tamén agardamos algo máis. Se o PP de Corcubión quere contribuír realmente á apertura deste servizo, debería utilizar a súa interlocución co Goberno galego para reclamar que a Xunta cumpra, por fin, coas súas competencias, reciba ao Concello e colabore activamente na posta en marcha do Centro de Día.