Terceira vez que Silva e Bergantiños se enfrontaban na fase galega da Copa Federación e por fin o cadro de Carballo foi quen de gañar ao remate dos 90 minutos. Dous tantos no derradeiro cuarto de hora, obra de Ankudinov, que empata co silvista Rojo na cabeza da táboa de goleadores da competición, e de Pachón, que marcou o seu primeiro logo do retorno cos encarnados, poñen aos pupilos de Simón Lamas nunha emotiva semifinal para o técnico, pois a xogará na Madalena contra o Racing Villalbés.
Reparto de ocasións baixo a posesión visitante
Silva e Bergantiños disputaban na Grela quen sería o rival do Villalbés nas semifinais da fase galega da Copa Federación. O conxunto de Carballo foi o dono da posesión nun choque de escasas ocasións nesa primeira parte. A primeira delas aconteceu aos dez minutos, nun córner en curto tras o que Ale Sánchez alargou o autopase para fuxir do marcador e mandar un disparo desviado.
O Silva, en repregamento, buscou as súas opcións á contra, sobre todo pola esquerda onde Rodrigo, nunha posición na que podía atopar espazos, ofrecíase máis que ninguén.
Os locais non estiveron precisos en tres chegadas que remataron nun disparo fácil para Carlos, que o atallou posicionado no centro do marco, e dous centros laterais nos que só o primeiro deixou algunha opción pola mala saída do meta forasteiro.
O partido perdeu frescura pola boa organización do Silva, que provocaba circulacións lentas do rival de superior categoría.
Os de Carballo volveron á carga aos 36 minutos, cando Gandoy tamén xutou desviado, á dereita de Gabri, no segundo disparo executado desde fóra da área dos visitantes sen que a defensa local o rebotara.
A réplica do Silva foi inmediata. Rodrigo recibiu sobre a frontal da área e xutou polo centro tras dous pasos que procuraron a maior verticalidade do ataque.
A primeira parte rematou cun libre directo á escuadra lanzado por Rojo, que sacou Carlos cunha grande estirada.
O Bergantiños ten un mellor final
As substitucións do descanso deixaron marxe á alegrías e que o partido se abrira até que os xogadores non se acomodaron ás súas posicións. Aos cinco minutos, Nico Mosquera achegouse á área e, tras ser presionado no momento do xute, mandou a pelota perto do traveseiro.
Na hora de xogo, Pachón puido adiantar ao Bergantiños ao verse con distancia sobre o seu defensor e poder disparar arriba, pero Martín Lagoa chapou.
O partido seguía aberto e un saque confiado de Carlos bateu no pé de Cano. O meta levou o correspondente susto ao ser superado por arriba antes de chapar o coiro sen dificultades.
O paso dos minutos axudou a que o Bergantiños tivera máis acerto. Onyia e Koke participaron de máis balóns e conseguiron marcar diferencias sobre un rival que perdeu consistencia defensiva por momentos.
O Bergantiños adiantouse aos 77 minutos grazas a un balón pendurado á área por Dani Jodar. Pachón tocou de cabeza para a entrada de Ankudinov, que desviou coa fronte lonxe de Martín Lagoa.
Despois, Koke precipitouse nun man a man ante o meta local, pero non aconteceu o mesmo cando Pachón recibiu un pase medido de Onyia e tivo tempo para amagar, enganar ao porteiro e sentenciar a eliminatoria.
No prolongamento, un centro xute de Naím bateu na parte superior do traveseiro do marco de Carlos.
O Bergantiños, cumplrindo os pognósticos, estará na semifinal da fase galega da Copa Federación. O seu rival será o Racing Villalbés. Pola outra parte do cadro, o Boiro espera a Antela ou Ourense C.F, na outra semifinal.
Ficha
VENRES 07/08/2026 (20,30) Campo: RODRIGO GARCÍA VIZOSO (200)
SILVA S.D. : 0 – BERGANTIÑOS F.C. : 2 (0-0)
SIL : Gabri (Martín Lagoa D); Iago Castro (Lema 78’), Rosas (Hugo García D), Seydi (Fer Gordo 78’); Carro (Simón D), Moure (Naím 62’), Nano Varela (Cano D), Rodrigo (Baldomar D), Buyo (Mauro 78’); Mouriño (João 62’), Rojo (Nico Mosquera D). Tre. Diego Armando García.
BER : Carlos; Joseda (Insua D), Nacho Pastor (Aarón D), Tomás, Berrocal (Dani Jodar D); Edeh (Koke D), Gandoy (Iago Novo D). Villaverde (David Iglesias D), Onyia (Javi Blanco 87’), Ale Sánchez (Pachón D); Ankudinov (Uwumiro 85). Tre. Simón Lamas. (Banco: Alberto (g)).
Goles: 0-1 Ankudinov 77’; 0-2 Pachón 83’’.
Árbitro: Castro García (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Vieites Garrido e Núñez Mayo.
Disciplina: CA: Villaverde 29’; Gandoy 45’; Iago Castro 75’; Aarón 78’.
Foto: Rodrigo e Josede protagonizaron un dos duelos máis interesantes da primeira metade. © 21noticias.com