O PSOE denuncia que Lugo inicia agosto con case o 60 % dos desbroces do rural pendentes

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Lugo denunciou hoxe un «atraso sen precedentes» na campaña de desbroces do rural no municipio de Lugo. Segundo os cálculos da formación baseados na execución dos distintos lotes, preto do 60 % da primeira pasada continúa sen realizarse. Esto supón que arredor de 420 dos 770 quilómetros previstos aínda están pendentes, nun momento no que esta fase debería estar xa practicamente concluída.

A concelleira socialista Ana González Abelleira advertiu das graves consecuencias deste atraso: «Os desbroces non son para mellorar a imaxe das pistas, son unha ferramenta clave de seguridade viaria e de prevención de incendios. Non serven cando se fan tarde, serven cando se executan a tempo, que é cando protexen á veciñanza».

Un mes clave perdido na prevención de incendios

Desde o PSOE lembran que o anterior Executivo deixou aprobada en abril a licitación do servizo para arrancar os traballos en xuño. Porén, denuncian que o actual Goberno local paralizou a planificación e non formalizou o contrato ata xullo, o que fixo perder un mes completo nunha campaña de apenas catro meses de duración.

«A prevención de incendios non comeza cando aparece o lume, senón moito antes«, subliñou Abelleira. «Cada semana que pasa sen completar esta primeira pasada é unha semana perdida para a seguridade viaria, os accesos ás explotacións agrarias e a protección do noso rural fronte ao lume».

Cambio de criterios «sen explicacións»

Así mesmo, a edil socialista cuestionou que, a pesar do abafante atraso, o Goberno local alterase a orde de actuación dos lotes sen criterio público nin explicacións: «Resulta difícil de entender que se cambie a planificación para coincidir con intervencións que benefician a contorna da propia concelleira responsable da área, mentres a gran maioría do rural segue agardando por un servizo básico«.

Por todo isto, o Grupo Socialista exixe ao Executivo municipal que complete con urxencia a primeira pasada e recupere un criterio de priorización baseado na seguridade, a prevención e a igualdade de servizos en todas as parroquias. «O rural non necesita anuncios nin fotografías; necesita pistas seguras e unha planificación seria», concluíu a concelleira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios