A Sala Salvador de Madariaga acolle desde hoxe unha exposición con Maré, de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño, e Narices!, de Giovanna Lopalco.
A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Cultura, participa un ano máis en Viñetas desde o Atlántico, que inaugura hoxe a súa 29ª edición na cidade da Coruña, cunha exposición propia na Sala Salvador de Madariaga dedicada ás obras gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2025.
A mostra reúne os traballos distinguidos nas dúas modalidades do certame: na modalidade xeral, Maré, de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño, e na modalidade infantil e xuvenil (LIX), Narices!, de Giovanna Lopalco. A exposición poderá visitarse na Sala Salvador de Madariaga ata o 27 de setembro, integrándose no amplo programa expositivo de Viñetas desde o Atlántico.
Maré mergulla no imaxinario da clase obreira e do mundo mariñeiro, a través dunha proposta que afonda nestes universos desde a banda deseñada. Pola súa parte, Narices! é un proxecto dirixido aos máis novos que aposta pola creatividade, a exploración e o xogo visual.
Apoio ao talento e á creación
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou durante a inauguración a importancia de seguir promovendo a banda deseñada como un ámbito fundamental da creación cultural galega e de xerar oportunidades para que as obras cheguen ao público: “É unha alegría volver estar na Coruña para presentar unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, unha cita que, despois de tantos anos de traxectoria, forma parte xa da identidade cultural desta cidade e do calendario cultural de Galicia. Viñetas converteu A Coruña nun referente da banda deseñada e nun punto de encontro entre autores e autoras, editoriais, profesionais e lectores e lectoras”.
Neste sentido, puxo en valor o papel do Premio Castelao como ferramenta de apoio á creación: “Desde a Deputación levamos anos apostando por este ámbito creativo e facémolo tamén a través dos Premios Castelao de Banda Deseñada, un dos certames máis consolidados e prestixiosos do noso país. Para nós é moi importante que as obras premiadas teñan presenza en Viñetas, porque este é o seu espazo natural: un festival no que poden atoparse cos lectores e lectoras, dialogar con outros creadores e formar parte dun escaparate que transcende as nosas fronteiras”.
A deputada subliñou que esta colaboración permite completar un percorrido que vai desde o apoio á creación ata a difusión das obras: “A colaboración entre o Premio Castelao e Viñetas permite completar un percorrido que consideramos fundamental: apoiar a creación, recoñecer o talento e, despois, ofrecer espazos para que ese talento sexa visto, lido e compartido. É especialmente importante que estes proxectos, que naceron grazas ao apoio á creación, poidan chegar a un público amplo e formar parte dun dos grandes escaparates da banda deseñada en Galicia”.
Natividade González destacou tamén a capacidade da banda deseñada para conectar con públicos diversos e o peso que este ámbito creativo ten na cultura galega: “Temos autores e autoras cun enorme prestixio, unha industria editorial cada vez máis sólida e unha tradición gráfica e narrativa que debemos reivindicar. A banda deseñada é literatura, é ilustración, é arte e é pensamento, pero tamén unha extraordinaria ferramenta para chegar a públicos moi diferentes e ás novas xeracións”.
Finalmente, reivindicou a relación da Coruña coa banda deseñada e agradeceu o traballo desenvolvido para consolidar Viñetas desde o Atlántico como unha cita de referencia: “Hoxe podemos dicir que A Coruña é unha cidade de referencia para o cómic e a ilustración, e Viñetas desde o Atlántico ten moito que ver con iso. Quero agradecer especialmente a Manel Cráneo, director de Viñetas, polo seu traballo, pola súa implicación e pola súa capacidade para seguir facendo medrar este proxecto, así como a todas as persoas, entidades, autores, autoras e profesionais que fan posible unha nova edición”.
A deputada concluíu reafirmando o compromiso da institución coa banda deseñada e coa cultura galega: “Desde a Deputación da Coruña seguiremos estando ao lado da banda deseñada, dos seus creadores e creadoras e de iniciativas como Viñetas, porque apoiar a cultura é tamén apoiar o talento, a creatividade e a capacidade que temos como país para contar as nosas propias historias”.