O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o presidente da Autotidad Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, inauguraron este luns a nova iluminación eficiente e os sendeiros mellorados da Torre de Hércules. Ambas as intervencións foron impulsadas no marco do Plan Xacobeo Next Generation, que abarca actuacións nunha decena de Bens de Interese Cultural en toda Galicia.
Merelles destacou que o proxecto busca actualizar o monumento aos novos tempos, facéndoo máis accesible e sostible. Pola súa banda, Gonzalo Castro puxo en valor a colaboración entre administracións para seguir avanzando na protección e valorización do patrimonio, destacando o compromiso do Goberno de Inés Rey coa dignificación da contorna do principal símbolo da cidade.![]()
- Renovación enerxética e iluminación ornamental O novo sistema conta con equipos LED distribuídos polas fachadas que reducen o consumo enerxético e as emisións contaminantes. Ademais de realzar o monumento pola noite, o sistema permite xogar con iluminacións dinámicas e temáticas para acompañar celebracións e actividades socioculturais. Durante o acendido oficial comprobáronse xa opcións cromáticas como a bandeira de Galicia ou as cores do Deportivo.
- Sendeiros máis accesibles e seguros A mellora dos camiños que circunvalan a Torre creou un percorrido continuo máis seguro e accesible desde a glorieta ata a liña de costa, reforzando a integración paisaxística e respectando rigorosamente as esixencias de protección ambiental e patrimonial.
- Próxima fase: Arqueoloxía e conservación Cun orzamento global superior aos 900.000 €, o proxecto completaráse a partir de setembro —para non interferir nas visitas de verán— con traballos orientados á conservación estrutural e ao coñecemento arqueolóxico do xacemento.
Un verán de cifras récord Durante a visita, o director de Turismo fixo un repaso da evolución do sector na comunidade, destacando a estancia media na Coruña (case 300.000 aloxados no primeiro semestre) e o crecemento do 5% nos ingresos hoteleiros de Galicia (máis de 174 millóns de euros). Do mesmo xeito, subliñou o bo ritmo do Camiño de Santiago na antesala do próximo Xacobeo 2027.