Eclipse. Por @DulceCorcu

Igual queda alguén que aínda non está canso do eclipse que non dá chegado pero do que xa sabemos absolutamente todo. Nunha conta atrás que semella aquelas de Cabo Cañaveral, o mércores doce de agosto preséntase como unha data inesquecible que moi poucos teñen ocasión de vivir en directo.

Para outros, sinxelamente, é unha parte máis do negocio que se está a montar en torno ao fenómeno astronómico, con hoteis co cartel de «ocupado» desde hai semanas e unha chea de actividades arredor dese capricho que nos proporcionan os astros de tarde en tarde. Galicia será unhas das comunidades agrazadas cun espectáculo que acapara titulares, consellos para velo de xeito óptimo sen perxudicar á vista e oferta lúdica para, xa que estamos, aproveitar a data unha vez que o sol volva brillar. As cámaras dos móbiles ameazan con bater récord de disparos, e imos ver onde acaban todos esos centos de gafas necesarias para mirar ao astro rei á cara, ou o quede del cando a lúa se poña chulita a pasarlle por diante. Agardemos que non sexa no mar, nos ríos, xardíns ou na rúa como se do día despois de calquera verbena se tratase. Todo iso sempre dentro da hipotética posibilidade de que a tarde estea límpida e sen asomo de nubes nin esa néboa baixa tan típica de agosto, que entra sen avisar despois dunha tarde calorosa. Imaxinade que finalmente tanto preparativo para non ver nada…Que mágoa, non si? Ou que descanso, xa depende das gafas conque o mires. 

Foto TUR Galicia

Comparte éste artículo
No hay comentarios