A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou este luns a aposta do Goberno municipal por reforzar a seguridade e mellorar os servizos destinados ás familias, con novas medidas en materia de emerxencias, conciliación e atención aos menores que precisan un maior apoio.
Candia iniciou a súa comparecencia agradecendo o traballo realizado onte polo Servizo de Extinción de Incendios, a Policía Local e Protección Civil durante o incendio rexistrado no restaurante Antas. A alcaldesa subliñou que o operativo pon de manifesto a importancia de contar con servizos de emerxencias “ben dimensionados” e lembrou que están en marcha novos procesos de incorporación de efectivos á Policía Local e aos Bombeiros.
Neste ámbito, a Xunta de Goberno adxudicou tamén o contrato para o mantemento dos equipos de protección e extinción contra incendios dos edificios municipais, cun gasto superior aos 60.000 euros para 2026 e 2027.
Máis apoio ás familias
A principal medida en materia de conciliación é a licitación do novo programa municipal Aprende Xogando, cun orzamento superior aos 350.000 euros anuais e unha duración prevista de dous anos.
O novo contrato mellora as ratios de atención: establécese un monitor por cada dez menores con carácter xeral e un por cada cinco no caso de nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
“Queremos que as familias conten cun servizo de conciliación de calidade e que os menores que necesitan unha atención especial dispoñan dos recursos necesarios”, explicou Candia.
A alcaldesa anunciou ademais que o Concello se presentará á convocatoria da Xunta de Galicia para optar á creación dunha Unidade de Atención Temperá en Lugo. O Goberno municipal estudará complementar este recurso cun programa piloto de atención postemperá, para dar continuidade ao apoio ás familias unha vez rematada a etapa de atención temperá.
Máis seguridade durante o San Froilán
A Xunta de Goberno licitou igualmente, por un período de tres anos e por 61.347 euros, un centro móbil de control das cámaras de videovixilancia para reforzar o dispositivo de seguridade durante o San Froilán. A súa posta en funcionamento quedará condicionada á autorización da Delegación do Goberno.
Candia destacou que o dispositivo permitirá “mellorar a seguridade e facilitar o traballo” das Forzas e Corpos de Seguridade e da Policía Local.
Ornamentos e Escoita Activa
Finalmente, a alcaldesa anunciou unha nova rolda de encontros cos barrios e parroquias para recoller propostas da veciñanza de cara á elaboración dos Orzamentos municipais de 2027. Os primeiros encontros celebraranse este martes en Bóveda, San Mamede dos Anxos e Conturiz.
A Xunta de Goberno concedeu tamén licenza para a ampliación dunha empresa dedicada á elaboración de café nas Gándaras, cun investimento empresarial superior aos 1,2 millóns de euros.