Rubén Arroxo esixe á Alcaldesa de Lugo medidas urxentes de aforro de auga ante a prealerta por sequía

Rubén Arroxo reclamou esta mañá ao Goberno municipal a posta en marcha inmediata de medidas de aforro para reducir o consumo de auga na cidade. A petición chega tras a decisión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) de activar o pasado 3 de agosto o nivel amarelo de prealerta ante o risco de desabastecemento pola baixada dos caudais.

O portavoz nacionalista no Concello, Rubén Arroxo, instou ao Executivo local a actuar con previsoras ante os efectos do cambio climático: «Temos que ter responsabilidade como Concello. Ademais de promocionarse, o Goberno debe establecer medidas e deseñar estratexias que garantan que a veciñanza dispoña de auga durante todo o verán».

Redución do rego e do baldeo de rúas

Dende o BNG lembran que en anos anteriores a administración local xa aplicara restricións efectivas para protexer as reservas de auga:

  • Redución do 50% no volume de auga destinado ao baldeo das rúas.
  • Redución do 30% na auga empregada para o rego de xardíns e zonas verdes.

Así mesmo, Arroxo sinalou que outros municipios xa están a regular usos secundarios como o cheado de piscinas privadas ou o lavado de vehículos e fachadas, polo que urxe a Lugo a sumar accións semellantes.

«Pedímoslle ao Goberno municipal que actúe coa máxima responsabilidade e faga un uso eficiente duns recursos que son limitados, garantindo sempre os servizos públicos fundamentais», concluíu o voceiro do BNG.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios