A renuncia de 26 asociacións ás axudas da anualidade 2025 por un total de preto de 25.000 euros súmanse á perda do dereito a cobro de axudas do 2024 doutros 28 colectivos que suman máis de 18.000 euros; polo que “un ano máis queda acreditada a mala xestión desta área de goberno e o fallo de plantexamento das bases reguladoras”.
O Grupo Provincial Popular esixe a PSOE e BNG “revisar as bases das convocatorias e a xestión das axudas da área de Cultura” para “favorecer que as asociacións ou entidades culturais da provincia se poidan ver beneficiadas das axudas da Deputación”.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, condena que “PSOE e BNG se proclamen autoabandeirados da cultura; pero no momento en que teñen responsabilidades de goberno, o que fan é poñerlles paus nas rodas ás entidades que impulsan actividades de dinamización social, especialmente no rural, para a percepción de apoios económicos procedentes da institución provincial”.
Para o popular, a renuncia de 26 asociacións e colectivos de distintos concellos da provincia ás axudas para investimentos ou equipamentos e actividades culturais na anualidade 2025 convocadas pola área de Cultura aprobadas por PSOE e BNG nas últimas reunións da Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, é unha evidencia da “moi mellorable xestión” e “falta de operatividade”.
O portavoz popular lembra que “son habituais os atrasos por parte do goberno provincial á hora de convocar, tramitar e, especialmente, de resolver as axudas” e explica que “xa advertimos en varias ocasións que a forma de xestionar do BNG ocasiona un elevado número de renuncias e perdas do dereito a cobro”.
Nesta ocasión, as renuncias das propias entidades ascenden a preto de 25.000 euros. As renuncias de 14 colectivos ás axudas para investimentos en instalacións e equipamentos culturais suman máis de 12.500 euros e as renuncias de 12 asociacións ás axudas para actividades culturais superan os 12.300 euros.
E fai apenas tres meses, o goberno de PSOE e BNG aprobaba a perda do dereito a cobro de subvencións concorrencia competitiva correspondentes á anualidade 2024, tanto para equipamentos ou investimentos como para actividades culturais de 28 entidades da provincia por un total de máis de 18.000 euros.
EXPLICACIÓNS ANTE OS PREXUÍZOS PARA AS ASOCIACIÓNS E O RURAL
Antonio Ameijide asegura que “a perda de axudas públicas supón un importante prexuízo económico para as asociacións e colectivos da provincia que, ante a perda duns ingresos cos que contaban, se verán na obriga de eliminar ou reducir a súa actividade e/ou encarecer as achegas por parte dos propios socios ou participantes”. É dicir, “isto vai máis aló nun trámite administrativo. Na práctica supón unha perda importante de recursos por parte dos colectivos que contribúen á dinamización social”.
O portavoz popular incide en que “supón un prexuízo, especialmente para o rural”, e esixe coñecer “a que vai dirixir o goberno de PSOE e BNG ese diñeiro que non van percibir as asociacións e entidades culturais da provincia”.
Ameijide pide “operatividade” ao goberno provincial en relación ás axudas de Cultura porque “todos os anos pasa o mesmo” polo que cren que “o goberno de PSOE e BNG debería analizar esta situación e buscarlle unha solución”.