A veciñanza de Cervantes mantén a mobilización e leva a defensa da sanidade da Montaña ás rúas de Lugo


Maruxa Bardasco: “A situación de Cervantes non é un caso illado, é parte dun problema que afecta ao conxunto da Montaña lucense e que precisa dunha resposta inmediata da Xunta
.

A veciñanza de Cervantes volveu concentrarse este xoves diante do consultorio de Doiras para denunciar a falta de solucións da Xunta de Galiza ante a situación sanitaria que continúa padecendo o concello. Meses despois do inicio das mobilizacións, o consultorio de Doiras permanece pechado e o centro de saúde de San Román continúa sen contar cunha cobertura médica suficiente e estábel.


A concentración volveu poñer de manifesto o malestar da veciñanza ante unha situación que se prolonga no tempo sen que a Consellería de Sanidade adopte medidas que permitan recuperar unha atención primaria digna no municipio.
A responsábel local do BNG, Maruxa Bardasco, denunciou que “levamos meses saíndo á rúa, reclamando solucións e explicando unha realidade que a Xunta coñece perfectamente. Chegamos a pleno agosto con Doiras pechado e cunha atención insuficiente en San Román. Non imos deixar de mobilizarnos ata que haxa solucións”.


Desde o BNG advirten de que o problema sanitario de Cervantes non é un feito illado, senón que forma parte das dificultades que padecen distintos concellos da Montaña lucense pola falta de persoal, a ausencia de substitucións e o deterioro da atención primaria.


Por este motivo, as mobilizacións darán agora un paso máis e trasladaranse á cidade de Lugo. O vindeiro martes 18 de agosto celebrarase unha concentración diante do edificio da Xunta de Galiza, seguida dun pasarrúas por Lugo, para visibilizar a situación sanitaria que atravesa a Montaña lucense e reclamar á Consellería de Sanidade unha resposta.


“Queremos levar esta reivindicación diante de quen ten as competencias e a responsabilidade de solucionar o problema. A situación de Cervantes non é un caso illado, é parte dun problema que afecta ao conxunto da Montaña lucense e que precisa dunha resposta inmediata da Xunta”, afirmou Bardasco.


O BNG considera que as características destes concellos —cunha poboación envellecida, unha elevada dispersión territorial, importantes distancias entre núcleos e maiores dificultades de mobilidade— fan especialmente necesaria unha atención sanitaria pública, próxima e estábel. A redución de servizos e a falta de persoal, sinalan, teñen ademais un impacto maior sobre unha poboación que depende especialmente da atención primaria.


A formación nacionalista denuncia tamén que a situación se agrava durante os meses de verán, cando numerosos concellos da Montaña incrementan a súa poboación sen que este aumento vaia acompañado dun reforzo dos recursos sanitarios.


“Vivir na Montaña non pode significar ter menos dereitos nin unha sanidade de peor calidade. Non estamos pedindo privilexios, estamos reclamando que a veciñanza teña garantido o acceso a unha atención sanitaria digna independentemente do lugar no que viva”, incidiu Bardasco.


O BNG chama á veciñanza de Cervantes e do conxunto da Montaña lucense a participar na mobilización do 18 de agosto en Lugo e advirte de que continuará apoiando e impulsando as reivindicacións ata que a Xunta garanta os medios humanos necesarios, unha atención médica estábel e a recuperación dos servizos sanitarios perdidos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios