Inés Rey: “Amosamos que somos unha cidade preparada para os grandes espectáculos e temos motivos para estar orgullosos”.
A Coruña viviu a xornada da eclipse solar con máis de 225.000 persoas nas súas rúas. A alcaldesa, Inés Rey, fixo balance esta mañá do desenvolvemento deste mércores 12 destacando que «o que vivimos onte vai máis alá do propio fenómeno astronómico. Fala dunha Coruña ambiciosa, preparada para os grandes retos e capaz de organizarse arredor dun acontecemento excepcional, mobilizando recursos, coñecemento científico, espazo público e, sobre todo, a participación da súa xente».
Os datos oficiais rexistran o principal pico de movemento no paseo marítimo, con 125.000 persoas repartidas entre a contorna do Aquarium Finisterrae e a plataforma de Riazor, pasando polas praias. Máis de 30.000 persoas no monte de San Pedro, outras tantas no Portiño, unhas 25.000 na enseada da Torre e máis de 10.000 que se apostaron polos puntos de proximidade nos barrios para observar un evento astronómico único, ademáis das 15.000 personas que pasaron o día na cidade procedentes de cruceiros.
En palabras da alcaldesa, «estamos falando dunha mobilización extraordinaria que a cidade foi capaz de asumir con normalidade. O Concello amosou unha vez máis que ten capacidade para organizar grandes acontecementos e afrontar retos desta dimensión».
Foi un mércores sen incidencias destacadas, tal e como apuntou a rexedora na rolda de prensa desta mañá. Rey indicou que, en comparación con calquera outro día sen actividades relevantes, «non se rexistrou un aumento da intensidade do tráfico». En total, á cidade accederon 83.712 vehículos, unha cifra semellante á do mércores anterior. O pico de entrada máis numeroso detectouse entre as 11.00 e 13.00 horas, en Alfonso Molina.
«Isto amosa que a cidadanía atendeu a recomendación de moverse con tempo. Ás veces afírmase que non se fai caso de indicacións como as relativas ao uso do vehículo privado. Onte volvemos comprobar que non é así: a xente sabe responder, entende e apoia cando se lle explica o que necesita a cidade», dixo Inés Rey.
Neste sentido, cómpre subliñar tamén o incremento de usos detectado no autobús urbano na xornada de onte, dun 10%, a raíz do dispositivo especial de transporte público posto en marcha polo Concello. A liña especial desde María Pita incrementouse un 100% con respecto a unha xornada convencional; a de buses lanzadeira desde os aparcadoiros disuasorios do campus en dirección á praza de Pontevedra, un 60%; e as liñas 3-A, 12 e 14 rexistraron un aumento do 25%.
Ademais, á cidade tamén chegaron outros 50 autobuses fretados desde diversos puntos de Galicia para asistir á eclipse na urbe herculina.
«Cómpre destacar que a velada distinguiuse pola súa tranquilidade, ademais de pola súa diversión para todos os públicos. Non houbo incidencias de ningún tipo. O punto violeta habilitado na Coiraza do Orzán non rexistrou ningunha incidencia e tampouco os equipos sanitarios nin de Protección Civil», indicou a rexedora ante os medios de comunicación.
A ocupación nos establecementos hostaleiros rozou o cheo
Onte, mentres A Coruña miraba o ceo, a cidade tamén viviu a disputa do Teresa Herrera no estadio municipal de Riazor, música e actividades en Santa Margarida e María Pita ou o Festival Internacional de Folclore no Campo da Leña.
A este respecto, a alcaldesa indicou que milleiros de visitantes de todo o mundo escolleron A Coruña para vivir a eclipse e para pasar na cidade estes días de verán.
Segundo os datos facilitados por Hospeco, a cifra de ocupación nos hoteis da cidade rozou o 99%. Outro dato significativo foi que o 75% das reservas xa estaban feitas desde outubro de 2025, «polo que a xente organizou a súa estadía na cidade con moita previsión».
Inés Rey subliñou que onte «milleiros de visitantes de todo o mundo escolleron A Coruña para vivir este eclipse e para pasar estes días de verán. E marchan encantados, falando marabillas da cidade. Isto é importantísimo, porque confirma que somos unha cidade espectacular, da que podemos e debemos estar orgullosos»
A previsión dun agosto de récord
Á agarda de facer un balance definitivo do retorno económico, tras as festas de verán, a alcaldesa amosou a súa esperanza de que «A Coruña está ante un dos mellores meses de agosto da historia da cidade, se non o mellor, confirmando que ademais de ser a capital económica de Galicia, somos a capital cultural e turística».
Ademais das 250.000 persoas que onte estiveron nas rúas da cidade -sumando as asistentes á eclipse e ás que viñeron a bordo dos cruceiros-, as estimacións dos servizos municipais son que A Coruña está a vivir unhas festas de María Pita de récord, cunha afluencia moi alta en todos os eventos que está a promover o Concello.
«Quero destacar a aposta que estamos a facer pola diversidade da oferta e pola nosa cultura propia. Que as dúas actuacións con maior asistencia dos concertos de María Pita fosen artistas galegos, Luz Casal e The Rapants, con case 50.000 persoas asistentes entre ambos os concertos, reforza as nosas políticas culturais. Tamén hai que destacar un Festival Noroeste Estrella Galicia que encheu escenarios con máis de 125.000 asistentes», dixo.
O Concello reforzou o servizo de recollida de lixo con 155 contedores extra
Este xoves, a alcaldesa tamén fixo fincapé no «comportamento cívico» da cidadanía no relativo aos aspectos medioambientais e coidado do espazo público.
«Outro dos grandes retos era o de facer unha celebración o máis limpa posible. Por iso, o Concello situou máis baños químicos e ata 155 novos contedores distribuídos estratexicamente polo termo municipal, entre os máis de 40 enclaves a pé de rúa identificados polos servizos municipais para visualizar a eclipse», apuntou Rey.
Segundo as estimacións do Concello, recolléronse unhas 218 toneladas de lixo(orgánica, envases e resto), cifra moi semellante á contabilizada polo servizo en noites anteriores. Fíxose un uso intensivo dos contedores de praia, tanto os dos accesos como os ancorados nos areais, e tamén o das papeleiras en zonas como o paseo marítimo, monte de San Pedro e o centro da cidade, baleiradas en varias ocasións tanto na quenda de tarde como pola noite.
«Estamos convencidos de que este tipo de esforzos fan a diferenza. Como xa vimos en San Xoán, cun compromiso colectivo e a colaboración da cidadanía é posible facer que os grandes eventos sexan máis sostibles. E é de subliñar que a xente amosa unha maior concienciación», valorou a alcaldesa.
Agradecemento expreso á cidadanía e aos servizos municipais
A alcaldesa subliñou especialmente que, para que a xornada de onte se desenvolvese sen incidencias, foi moi importante planificar este día con meses de antelación: «Houbo detrás un enorme traballo. Case 400 profesionais participaron no dispositivo especial entre Policía, Bombeiros, Protección Civil, persoal sanitario, servizos de limpeza e outros equipos municipais. Mais ademais dos que estaban na rúa onte, quero agradecer especialmente o traballo de todas as persoas que, desde as diversas áreas de xestión do Concello, prepararon este 12 de agosto durante meses: Seguridade Cidadá, Mobilidade, Cultura, Deportes, Infraestructuras, Medio Ambiente e Benestar Social, entre moitos máis».