O Concello de Lugo esixe ao Adif a apertura inmediata ao tráfico da rúa Conde Fontao

O Concello de Lugo dará un paso máis na súa esixencia ao Adif para que proceda á apertura inmediata ao tráfico da rúa Conde Fontao. Tras esgotar a vía do diálogo verbal sen obter resposta, o goberno local remitirá nos vindeiros días un requirimento formal á administración estatal para que libere este vial sen máis dilación.

As obras de reurbanización de Conde Fontao forman parte do proxecto da nova estación intermodal de Lugo, executado polo Adif. Ao tratarse dunha actuación de titularidade estatal, corresponde ao Adif recibir formalmente a obra e poñela a disposición da cidadanía. Segundo a información municipal, a empresa adxudicataria atópase executando os últimos remates, pero a rúa continúa sen ser entregada.

O peche de Conde Fontao prolóngase xa desde finais de abril e afecta gravemente á mobilidade nun punto estratéxico da cidade. Dende o Concello subliñan que a «lentitude burocrática» do Adif para recibir uns traballos practicamente concluídos non pode seguir prexudicando o día a día dos lucenses.

Dilixencia municipal fronte á pasividade do Adif

Fronte á demora do Adif, o Concello de Lugo actuou con máxima axilidade en todo o proceso, tramitando en tempo récord todos os plans de tráfico solicitados pola construtora e polo propio organismo estatal:

  • 9 de abril de 2026: Aprobación do primeiro Plan de Tráfico para cortar a praza Conde Fontao e a rúa Alta (efectivo desde o 27 de abril por un prazo inicial dun mes).
  • 1 de xuño de 2026: Aprobación dun segundo plan para ampliar o corte e executar a miniglorieta na intersección de San Eufrasio coas rúas Castelao e Montero Ríos (prazo de 20 días).
  • 12 de xuño de 2026: Aprobación do terceiro plan para os traballos de aglomerado e pavimentación, con cortes nocturnos entre o 15 e o 18 de xuño.

O Concello deu resposta inmediata a cada solicitude para facilitar a execución da obra. Por iso, esixe agora ao Adif a mesma dilixencia para que reciba os traballos de forma urxente e devolva a rúa Conde Fontao á veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios