O BNG de Lugo afirma que o incendio de Penarrubia demostra «a mala planificación do PP na loita contra os incendios»

 O BNG pide unha vez máis ao goberno municipal «que tome en serio» o proceso de contratación da brigada de loita contra os incendios forestais. O portavoz municipal Rubén arroxo afirmou que a situación vivida onte en Penarrubia demostra «a falta de planificación» do PP na loita contra os incendios, e afirmou que «noutros anos, estando a mediados de agosto, a brigada municipal contra os incendios forestais estaría a pleno rendemento, co goberno do PP e a concelleira tránsfuga aínda non ten nin dotación de persoal».

O BNG leva desde o inicio da tempada de verán reclamando información sobre o traballo desta brigada, atendendo ás numerosas peticións veciñais que amosaron grande preocupación por non ver esta brigada en funcionamento como anos anteriores. «A realidade é que o traballo aínda non comezou a facerse, as bases publicáronse no BOP o 23 de xullo e as probas realizáronse o pasado 10 de agosto», dixo Rubén Arroxo, que engadiu «este proceso selectivo publicouse despois de que o BNG anunciase nos primeiros días de xullo que ía preguntar pola situación da brigada».

O Concello de Lugo recibe neste ano 2026 un total de 101.250€ da Xunta de Galiza para a contratación do persoal dunha brigada de defensa contra os incendios forestais, que se dedican cada verán ao acondicionamento de diferentes terreos nas 54 parroquias de Lugo. Arroxo afirmou que «os primeiros meses do PP no goberno están a empeorar o Concello, a principal liña política de Candia é improvisar o que fai que a veciñanza perda servizos moi importantes», e destacou que «a loita contra os incendios forestais é unha cuestión que require de planificación e boa execución».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios